O BNG de Vimianzo organizou este venres 26 de xuño unha charla coa veciñanza afectada polo atraso na finalización do proceso administrativo da concentración parcelaria dos lugares de Carnés e Cereixo, que debe rematar coa entrega de títulos notariais definitivos aos propietarios e propietarias dos terreos.
O acto, ao que acodiron preto dun cento de persoas, tivo lugar no local comunitario de Cures e Mouzo, e contou coa participación do deputado nacionalista Oscar Insua, que estivo acompañado do portavoz municipal do BNG de Vimianzo, Benxamín Queiro, que foi o encargado de presentar o evento. Tamén estiveron presentes diversos membros da formación nacionalista no municipio. Antes de que Insua tomase a palabra, proxectouse un vídeo sobre o traballo parlamentario realizado polo BNG para urxir á Xunta a axilizar os trámites.
O deputado do BNG trasladou aos afectados e afectadas toda a información sobre as iniciativas que impulsou no Parlamento galego, e reiterou que desde o grupo nacionalista seguirán a apoialos e a traballar para que a Consellería de Medio Rural poña todos os medios posíbeis para finalizar o proceso canto antes.
No acto lembrouse que en marzo deste ano xa Oscar Insua denunciara un novo atraso na finalización do proceso administrativo da concentración parcelaria, logo de levar o asunto ao Parlamento e interpelar á Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez Rivera, sobre as previsións de aprobación da acta de reorganización da propiedade e entrega dos títulos notariais definitivos aos propietarios e propietarias dos terreos.
A directora xeral indicou naquel momento que está previsto que o proceso conclúa no primeiro semestre de 2027, e Insua afeoulle que “neste caso van tarde, mal e arrastro, e a parcelaria segue sen rematarse”.
O parlamentario do BNG salientou que “existe un problema de falta de persoal para realizar os trámites que faltan, tal e como nos recoñeceron na delegación da Xunta, e o que teñen que facer é poñer máis, porque levan máis de 30 anos con esta parcelaria”.
Pola súa parte, Benxamín Queiro manifestou que “é un despropósito o incumprimento do Partido Popular coa veciñanza de Vimianzo, neste caso de Carnés e Cereixo; a xente quere os títulos canto antes, e non poden enganalos ano tras ano».
O edil nacionalista avanzou que «desde o BNG seguiremos apoiando e traballando cos veciños e veciñas para exixir á Consellería de Medio Rural que poña todos os medios posíbeis para finalizar o proceso canto antes, e daremos seguimento a este problema para que a Xunta cumpra co novo prazo dado, que é o primeiro semestre de 2027”.