O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua denunciou este venres 5 de xuño no Parlamento galego que o Partido Popular “nin quere falar das peaxes da autovía AG-55 nin quere eliminalas”.
Nunha interpelación parlamentaria a María Deza Martínez, directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, Insua sinalou que a Xunta de Galiza “continúa coa aldraxe de ter que pagar por unha infraestrutura que cando foi posta a funcionar en 1997 prometeuse que sería gratuíta; levamos trinta anos de burla por parte do goberno galego do PP”.
O parlamentario do BNG recriminou á responsable da AXI “a falta de respecto” á veciñanza de Bergantiños e Costa da Morte “porque non contestou a ningunha das preguntas que lle formulei respecto das peaxes da autovía, e dedicouse a falar doutras cuestións que non tiñan que ver”.
Oscar Insua lembrou que a Xunta rescatou en outubro de 2024 catro autoestradas galegas, mais non o fixo coa AG-55, que é unha vía de comunicación esencial para os concellos de Bergantiños e da Costa da Morte e para unha poboación que supera os 100.000 habitantes. “Por que esta discriminación cunha veciñanza que cada vez que teñen que ir á Coruña ao médico ou a outras cuestións ten que pagar para seguir engordando o negocio da empresa adxudicataria?”, preguntouse Insua, que engadiu que “para o PP somos os últimos para todo; agora estamos entre os últimos en seguir abonando peaxes, cando noutros sitios xa as autovías son gratuítas”.
O deputado nacionalista indicou que “será o BNG quen quite as peaxes da AG-55 cando goberne na Xunta, dado que o Partido Popular nin sequera quere falar do tema e elude as súas responsabilidades”.
Insua salientou que o BNG presentou mocións nos concellos da Costa da Morte e Bergantiños para pedir a gratuidade da autovía, e fixo pé nas contradicións do PP. “En Muxía e en Camariñas votaron en contra da iniciativa; en Cee e Dumbría abstivéronse; pero en Fisterra, Carnota, Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Ponteceso e na Laracha apoiaron a moción para eliminar as peaxes”, afirmou o parlamentario, que incidiu “na falta de criterio do Partido Popular. “Parecen un polo sen cabeza nun tema que supón un clamor de toda a veciñanza”.
Por último, o deputado nacionalista manifestou que “o PP reclama a gratuidade da AP-9, a pesares de que esta semana votou en contra en Madrid do acordo acadado polo BNG; pero négase a eliminar as peaxes na AG-55”.