O Parlamento galego rexeitou este mércores, co voto en contra do Partido Popular, a proposición non de lei presentada polo BNG que exixía a paralización inmediata do proxecto da macroplanta de biogás promovido pola empresa Bioenergía A Coruña na parroquia de Soandres, na Laracha, así como a elaboración «inmediata» dunha normativa propia que regule a implantación deste tipo de industrias en Galicia.
O deputado nacionalista Óscar Insua lamentou que o PP volvese repetir o mesmo voto negativo que xa emitiu fai un ano, cando o BNG trouxo ao pleno unha proposta «moi parecida». Daquela, lembrou Insua, o PSOE abstívose e o PP votou en contra. «Esperemos que recapacitaran, e que hoxe manifesten se van apoiar a nosa proposta ou non, porque votar, vaise votar mañá», advertiu o deputado antes da votación. Finalmente, o PP volveu dicir que non.
Insua comezou a súa intervención dando a benvida aos membros da Plataforma Stop Biogás na Laracha, á voceira municipal do BNG, Carolina Castiñeira, e a representantes de ADEGA, que asistiron ao pleno para «comprobar in situ e en directo o compromiso de todos os partidos políticos galegos para evitar a instalación da macroplanta». O deputado lembrou que o 9 de maio tivo lugar unha manifestación «histórica» na Laracha, con centos de persoas, e que tamén se opoñen ao proxecto os concellos da Laracha, Carballo, Coristanco, Cerceda, Culleredo e Arteixo, así como a Deputación da Coruña.
O deputado nacionalista detallou os principais impactos do proxecto: ocupará máis de 95.000 metros cadrados de solo rústico nas proximidades do río Anllóns, tratará 63.500 toneladas anuais de residuos, prevé a circulación de 13 camións diarios, consumirá 1,5 millóns de litros de auga ao ano e producirá máis de 30.000 toneladas de efluentes líquidos e case 20.000 toneladas de digerato sólido sen tratamento. Ademais, criticou que o estudo de impacto ambiental non modele os cheiros, a pesar de que o núcleo de Vistalegre está a menos de 300 metros da planta.
Insua tamén se referiu ao propio alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, do PP, quen declarou publicamente que xa fora ver dúas plantas similares en Burgos e Tarragona e que os cheiros eran «insoportables». «O propio alcalde insiste en que o concello mantén desde o inicio unha posición firme e coherente en defensa do territorio. Se podes ver as alegacións presentadas polo concello contra este proxecto, calquera diría que son do Partido Popular», ironizou o deputado.
Finalmente dirixíndose ao PP, Insua respondeu ás críticas anteriores do presidente Rueda e dalgúns deputados, que cualificaron as protestas de «alboroto» e «pancarteirismo». «Eu hoxe pregúntolle ao PP se os que están detrás da pancarta son alborotadores, ou mellor poden preguntarlle ao alcalde da Laracha, que tamén está detrás da pancarta», ironizou.
O BNG da Laracha tamén presenta as súas alegacións contra a macroplanta de biogás por “graves riscos ambientais, patrimoniais e para a saúde”
O grupo municipal do BNG da Laracha vén de rexistrar este mércores alegacións contra o proxecto da macroplanta de biogás promovida por Bioenergía A Coruña en Vista Alegre, Soandres, ao considerar que a iniciativa presenta “graves deficiencias técnicas, ambientais e legais” que xustifican a denegación da autorización ambiental integrada e da declaración de impacto ambiental favorable.
Nas alegacións, o BNG denuncia en primeiro lugar un “defecto grave de información pública”, ao non terse posto a disposición da cidadanía documentación esencial do expediente, como a memoria SANDACH ou informes sectoriais de organismos competentes, vulnerando así o dereito á participación pública efectiva.
A formación nacionalista considera ademais que a planta é incompatible co réxime xurídico do solo rústico, tanto pola dimensión da instalación —cun tratamento previsto de 63.500 toneladas anuais— como polo incumprimento dos límites de ocupación, altura e integración paisaxística establecidos na Lei do Solo de Galicia. Tamén alertan de que o acceso previsto, a través dun camiño municipal estreito e sen capacidade estrutural, resulta incompatible co tránsito diario de entre 25 e 30 camións pesados.
Outro dos aspectos centrais das alegacións é o risco ambiental sobre o río Anllóns e o dominio público hidráulico. O BNG cuestiona a capacidade da planta para garantir un tratamento seguro dos grandes volumes de residuos líquidos e advirte da ausencia dunha modelización rigorosa dos vertidos, especialmente en escenarios de choiva intensa, estiaxe ou fallo da depuradora industrial interna.
As alegacións tamén poñen o foco nos riscos sanitarios asociados ao tratamento de subprodutos animais SANDACH de categoría 2, advertindo da falta de garantías sobre a bioseguridade da instalación, o risco de emisión de patóxenos e os posibles efectos sobre explotacións gandeiras e vivendas próximas.
No relativo á saúde pública e á calidade de vida da veciñanza, o BNG denuncia que o estudo ambiental minimiza o impacto por cheiros, ruído, tráfico pesado e emisión de bioaerosois, sen incorporar estudos completos sobre a afección ás vivendas máis próximas nin escenarios de funcionamento desfavorables.
A formación nacionalista advirte tamén do impacto sobre o patrimonio cultural da zona, ao situarse a planta nun ámbito con presenza de mámoas, castros e petróglifos catalogados, entre eles a Mámoa de Chousa Grande. Segundo sinalan, a instalación industrial sería “estruturalmente incompatible” coa protección da paisaxe arqueolóxica e coas obrigas establecidas na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.
O escrito presentado recolle ademais advertencias sobre o risco de incendios forestais, as afeccións derivadas das faixas de xestión de biomasa e a ausencia dunha análise real de alternativas, criticando que a localización escollida responde aos intereses da empresa promotora e non a unha planificación territorial e ambiental rigorosa.
Por todo isto, o BNG solicita a denegación do proxecto e, subsidiariamente, a suspensión da tramitación ata que se completen todos os estudos ambientais, hidrolóxicos, arqueolóxicos, acústicos e sanitarios necesarios.
“O futuro da Laracha e do noso rural non pode quedar condicionado por un macroproxecto industrial cheo de incertezas ambientais e legais”, decalrou a portavoz Carolina Castiñeiras. “Animamos a que todas a s persoas que aínda non presentaron alegacións contra este proxecto, o fagan antes do día 26 de maio, cando remata o prazo” conclúen desde o grupo municipal nacionalista.