O BNG leva á Comisión Europea a preocupación veciñal pola mina de Coéns

2 minutes read

O BNG vén de trasladar á Comisión Europea a preocupación existente en Laxe polo proxecto mineiro previsto en Coéns, a través dunha iniciativa rexistrada pola eurodeputada Ana Miranda na que se alerta dos posibles impactos sobre a saúde da veciñanza e sobre o medio natural da contorna.

A pregunta parlamentaria presentada por Ana Miranda nace tras a visita realizada o pasado 13 de xuño a Coéns, onde mantivo un encontro coa Plataforma Contra a Mina de Coéns e coa veciñanza afectada. Durante a visita, os representantes da Plataforma trasladáronlle información detallada sobre o proxecto, a proximidade da explotación ás vivendas e os posibles efectos ambientais derivados da actividade extractiva prevista.

Na iniciativa rexistrada ante a Comisión Europea, a eurodeputada do BNG advirte de que o proxecto se sitúa a escasos metros dun núcleo rural e moi próximo á lagoa de Redondelo, incluída no Inventario de Humidais de Galicia. Así mesmo, recolle a preocupación manifestada pola Plataforma Contra a Mina de Coéns respecto dos impactos que podería xerar unha explotación mineira a ceo aberto destas características.

Desde o BNG de Laxe queremos agradecer o traballo desenvolvido pola Plataforma Contra a Mina de Coéns e pola veciñanza mobilizada na defensa do territorio, así como a rápida resposta de Ana Miranda para trasladar esta problemática ás institucións europeas.
Consideramos que a protección da saúde das persoas, da calidade de vida da veciñanza e dos valores ambientais do noso concello debe situarse por riba de calquera interese económico. Resulta especialmente preocupante que se pretenda impulsar unha actividade extractiva desta magnitude nunha zona tan próxima ás vivendas e a un espazo natural de elevado valor ecolóxico.

A iniciativa presentada no Parlamento Europeo abre tamén un debate de fondo sobre o modelo de explotación dos recursos minerais e sobre os límites que deben existir cando este tipo de proxectos afectan directamente ás comunidades locais e aos espazos naturais protexidos.

O BNG afirma que continuará apoiando todas as iniciativas sociais e institucionais encamiñadas a defender os intereses da veciñanza de Coéns e do conxunto de Laxe, así como a preservar o noso patrimonio natural para as xeracións futuras.