O BNG vén de trasladar ao Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta a execución coordinada da ampliación do parque empresarial de Bértoa e da primeira fase da circunvalación de Carballo, dúas actuacións que considera imprescindibles para o desenvolvemento económico, a mobilidade e a seguridade viaria do municipio e do conxunto da comarca.
Os deputados nacionalistas Óscar Insua, Brais Ruanova e Luis Bará rexistraron unha proposición non de lei, preguntas para resposta oral en pleno e en comisión e unha batería de preguntas por escrito co obxectivo de que o Goberno galego concrete cando comezarán as obras, que trámites quedan pendentes, canto investimento será necesario e que cantidades se consignarán nos próximos Orzamentos da Xunta.
A iniciativa parte dunha premisa clara: a ampliación de Bértoa e a circunvalación non poden abordarse como proxectos independentes. O incremento da superficie destinada á actividade empresarial debe ir acompañado dunha infraestrutura viaria capaz de absorber a mobilidade xerada e, especialmente, de retirar tráfico pesado do núcleo urbano.
“Non tería sentido ampliar de maneira importante a capacidade do parque empresarial e deixar para máis adiante a infraestrutura que ten que darlle unha conexión adecuada coas principais vías de comunicación. Son dous proxectos que teñen que avanzar ao mesmo ritmo”, sinala o deputado Óscar Insua.
Dous proxectos que deben entrar na fase de execución
O BNG lembra que nos últimos anos se produciron avances administrativos importantes nos dous expedientes.
No caso da ampliación do parque empresarial de Bértoa, a Xunta aprobou definitivamente en setembro de 2025 o Plan Especial de Ordenación do Solo Empresarial, que abrangue unha superficie próxima aos 630.000 metros cadrados. En marzo deste ano abriuse ademais a información pública do proxecto de expropiación, que afecta a 134 propiedades e 473.478 metros cadrados.
Pola súa banda, no caso da primeira fase da circunvalación produciuse en 2026 a aprobación definitiva da aliñación e a correspondente declaración de utilidade pública. A infraestrutura está concibida para conectar directamente o ámbito empresarial de Bértoa coa AC-413, a AC-552 e a DP-1914, mediante unha vía duns 3,6 quilómetros, facilitando as comunicacións cara a Ordes e Santiago e permitindo desviar unha parte importante do tráfico pesado que actualmente atravesa zonas urbanas.
Para o BNG, estes avances cambian substancialmente a situación respecto de anos anteriores. “Xa non estamos falando de proxectos que haxa que anunciar ou empezar a planificar. Levamos anos de tramitación e agora o que necesitamos é saber cando van comezar as obras”, apunta Insua.
Calendario e cartos nos Orzamentos de 2027
A proposición non de lei presentada polo grupo nacionalista reclama que o Parlamento inste a Xunta a elaborar un cronograma integral e detallado para os dous proxectos, no que se especifiquen as datas previstas para todas as fases administrativas, técnicas, orzamentarias e materiais que permanecen pendentes.
O BNG reclama tamén que a Xunta garanta expresamente que a ampliación de Bértoa e a primeira fase da circunvalación sexan planificadas e executadas de maneira coordinada e que os próximos Orzamentos Xerais de Galicia incorporen as partidas suficientes para facer realidade ese calendario.
Esta cuestión cobra especial importancia ante a preparación das contas autonómicas para 2027. A Xunta mantén como horizonte anunciado o ano 2028 para facer realidade a ampliación do parque empresarial, polo que, segundo os nacionalistas, ese compromiso debe traducirse agora nunha programación plurianual de investimentos que permita comprobar que os prazos son realmente viables.
“Os Orzamentos de 2027 teñen que ser a proba de que existe unha vontade real de executar estas actuacións. Non abonda con dicir que son prioritarias: hai que poñer datas e cartos enriba da mesa”, sinala Óscar Insua.
A iniciativa parlamentaria reclama tamén a convocatoria inmediata da mesa de seguimento e coordinación coa participación do Concello de Carballo e do tecido empresarial de Bértoa, así como un aumento da periodicidade das reunións antes e durante a execución das actuacións.
O BNG destaca neste sentido o traballo realizado ao longo dos últimos anos polo Concello de Carballo, que vén reclamando reiteradamente ambas infraestruturas e mantendo unha interlocución continuada coa Administración autonómica e co sector empresarial.
A circunvalación resulta especialmente relevante non só para a competitividade do parque empresarial, senón tamén para a mobilidade e a seguridade viaria. A nova conexión permitiría retirar unha parte importante dos vehículos pesados que actualmente circulan polo núcleo urbano, nomeadamente pola zona do Chorís e pola contorna de equipamentos educativos, deportivos e de lecer.
“Carballo leva demasiados anos agardando e o tecido empresarial leva demasiados anos reclamando. A tramitación avanzou e agora toca executar”, conclúe Óscar Insua.
