O BNG logra o acordo do Parlamento para solucionar o problema dos vestiarios para mariscadores de Corcubión

3 minutes read
Cedida.

O deputado do BNG na Costa da Morte, Oscar Insua, logrou o acordo unánime do Parlamento para que a Xunta solucione o problema dos vestiarios para mariscadores e mergulladores no porto de Corcubión.


Nunha proposición non de lei, o deputado nacionalista pola comarca reclamou condicións laborais e sanitarias mínimas para as mariscadoras das confrarías de Corcubión e que poidan dispoñer de vestiarios e duchas dignas no porto da vila. “Falamos de persoas que traballan no mar e que, cando rematan a súa xornada, teñen dereito a poder cambiarse, asearse e ducharse en condicións adecuadas”, sinalou.


Na iniciativa do BNG indícase que as mariscadoras e mergulladores ó poden facer uso dun habitáculo de catro metros cadrados para cambiarse, detrás das oficinas da confraría, que conta cunha soa ducha e que imposibilita que poidan cambiarse e asearse con normalidade antes e despois de traballar no mar.


Porén, Insua sinalou na Comisión de Pesca que se descoñecen as razón polas que que as novas instalacións do porto, que si contan con espazo e duchas suficientes, están sendo usadas só polos mariñeiros dos barcos que atracan alí. A deputada o PP non contestou á pregunta do nacionalista sobre a razón pola que se lle impide ás mariscadoras e mariscadores utilizar os vestiarios construídos en 2023.


“Como pode ser que, despois de anos, sigamos sen darlles unha solución?”, preguntou ás bancadas do PP, sobre todo tendo en conta o investimento de 65.230 euros que a Xunta fixo xunto con fondos europeos para modernizar as instalacións vinculadas á actividade pesqueira da lonxa e a mellorar a seguridade e as condicións de traballo das persoas que operan no porto. Esa actuación incluía un almacén de 120 metros cadrados, arquivo, vestiarios e aseos para a xente do mar.


Asegura que Xunta sabía que eran necesarios, que se construíron pero que, a día de hoxe, os e as mariscadoras e mergulladores da confraría de Corcubión continúan se poder utilizar esas instalacións. “Estamos falando de hixiene, seguridade, saúde laboral e, sobre todo, dignidade”, recalcou.

O deputado da Costa da Morte advertiu da contradición da Xunta porque “se os vestiarios xa existen, por que a solución que se nos ofrecen é volver falar de liñas de axudas para facer obras?”, preguntou, sinalando que non se pode confundir unha liña de axudas cunha solución.

Preguntou ademais se o proxecto da confraría de Corcubión no marco do GALP Seo Fisterra-Río de Muros-Noia, cunha axuda pública de  561.974,16 €, e en cuxa descrición pública do proxecto non aparecen os vestiarios nin as duchas como actuación, vai resolver ou non o problema dos vestiarios dos mariscadores.  

Para o deputado, non parece razoable que a Xunta gaste tantos recursos en axudas públicas cando este problema concreto non precisaría un novo investimento, senón mediar con todas as partes para que se cumpra a finalidade, que non é outra que se poidan usar por todos e todas as profesionais do mar no porto de Corcubión.

Insua afirmou que a emenda dos populares non tiña sentido pero agradeceu en todo caso o apoio á iniciativa nacionalista e emprazou á xunta a exercer as súas responsabilidades:  “Que fale coa confraría, con Portos, cos mariscadores e mariscadoras, que analice a situación das instalacións existentes e que determine a solución máis rápida e máis eficiente”, incidiu.

“Os mergulladores e as mariscadoras non necesitan que lles prometamos novas instalacións, senón que lles deixen usar as que xa existen e poidan ter unhas condicións dignas de traballo”, concluíu.