O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, vén de presentar iniciativas parlamentarias nas que solicita á Xunta que inicie os trámites de actualización do proxecto da segunda fase de prolongación da AG-55 entre a AC-432 e Berdoais, e sometelo a información pública no DOG este ano 2026.
O BNG sinalou que se acaba de coñecer que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) resolveu a adxudicación da obra da primeira fase da ampliación da autovía da Costa da Morte, que transcorrerá no treito entre Santa Eirena e a estrada AC-432 e que foi para a unión temporal de empresas CONSTRUCCIONES Y OBRAS TABOADA RAMOS, COVSA e COMSA. Esta primeira fase de prolongación someteuse a información pública no Diario Oficial de Galiza en febreiro de 2020, mais o expediente non se aprobou nin nese ano nin en anos posteriores.
“Logo da presión política do BNG e da veciñanza da comarca nestes últimos anos para reiniciar os traballos, houbo que actualizar o proxecto para adecualo á realidade de mercado no relativo aos prezos, e garantir así que a execución das obras fose viable, adecualo á nova normativa sobre o Código estrutural, e contemplar os cambios producidos na relación de bens e dereitos afectados; actualización que se fixo no 2025”, subliñou a formación nacionalista.
Desde o BNG indicaron que pasou case un ano entre que se actualizou o proxecto da primeira fase ata a formalización do contrato, polo que cren preciso ir adiantando todos os trámites necesarios para rematar canto antes unha infraestrutura vital para a Costa da Morte. Neste senso, instan ao goberno galego a actualizar o proxecto da segunda fase de prolongación da AG-55 entre a AC-432, en Calo, e o cruce de Berdoias, e sometelo a información pública este ano, co fin de contemplar no vindeiro orzamento do ano 2027 unha partida orzamentaria para licitar e iniciar os traballos de remate de forma simultánea aos da primeira fase.
“As actuacións referentes ao desmonte para a segunda fase están xa executadas e a priori non se contemplan tantas obras complexas de viadutos ou pasos superiores como na primeira fase”, salientaron os nacionalistas.
Oscar Insua manifestou que “a este paso vai levar máis tempo facer esta infraestrutura que a Sagrada Familia de Gaudí, e iso que xa renunciaron a rematala como autovía. Non podemos permitir que se alongue máis tempo, é necesario actualizar o proxecto e licitar xa o segundo tramo, para que se execute de forma simultánea”.
O parlamentario naciinalista engadiu que “hai que evitar que o cruce de Vimianzo para Camariñas se converta nun embude e provoque un auténtico caos no tráfico, e o PP sería responsable porque o sabe perfectamente e está nas súas mans evitalo”.