O BNG reclama maquinaria propia para mellorar a limpeza de cunetas e o mantemento viario na Laracha

2 minutes read
Carolina Castiñeiras. BNG A Laracha_Cedida.

A voceira do BNG no Concello da Laracha, Carolina Castiñeiras Brandón, defenderá no vindeiro Pleno unha moción na que propón que o Concello estude con carácter urxente a adquisición de maquinaria e vehículos propios para realizar labores de desbroce, limpeza vexetal e mantemento das vías municipais.

Desde o BNG sinalan que a limpeza das cunetas e das marxes das estradas é unha das demandas máis habituais da veciñanza, tanto nas parroquias como nos núcleos urbanos. A acumulación de vexetación pode dificultar a visibilidade e, no caso de parcelas privadas que non se manteñen axeitadamente, favorecer a proliferación de maleza e incrementar o risco de incendios.

A formación nacionalista considera que a xestión directa destes traballos permitiría ao Concello actuar con maior rapidez e regularidade, reducindo a dependencia das contratacións externas e dos seus prazos de execución. Ademais, permitiría dispoñer da maquinaria durante todo o ano e intervir, cando corresponda, en parcelas privadas cuxas persoas propietarias non cumpran coas súas obrigas, repercutindo posteriormente o custo dos traballos.

“Contar con maquinaria propia permitiría dar unha resposta máis áxil ás necesidades da veciñanza e atender de maneira continuada unha rede viaria moi extensa”, sinala Carolina Castiñeiras.

O BNG lembra que outros concellos da contorna, como Carballo ou Malpica, xa dispoñen de maquinaria propia para estas tarefas, e reclama que a Laracha analice tamén esta opción e dote o servizo dos medios materiais e humanos necesarios.

Por outra banda, ante a previsión de afluencia de veciñanza a este pleno que debaterá restrinxir as plantas de biogás a través do PXOM, tema moi controvertido nos últimos meses na localidade, o grupo nacionalista ven de rexistrar unha petición para que o pleno ordinario do día 24 de setembro se celebre coas garantías de que o público asistente poida escoitar perfectamente as intervencións.

Nos últimos meses, os Plenos que se celebran no salón de actos da casa da cultura non contan co equipo de son para uso dos intervintes na sesión e a Corporación, salvo o Alcalde, o tenente de alcalade e os técnicos municipais, colócanse de espaldas ó público, o que dificulta o óptico seguimento do debate.