O BNG reúnese coas mariscadoras de Camariñas

2 minutes read

A deputada responsable de Mar do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, xunto ao representante nacionalista na Cámara galega polas comarcas da Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, mantiveron este luns 1 de xuño na contorna da zona marisqueira de Ariño unha reunión con mariscadoras de Camariñas e coñeceron de primeira man as últimas novidades tras a paralización do plan de xestión. Tanto Insua como Pérez deron conta de todo o traballo parlamentario que levan facendo estes meses para que a Xunta de Galiza aporte solucións á grave situación das traballadoras, que levan tempo sen poder faenar.

Na xuntanza, na que participaron a responsable local do BNG de Camariñas, Ana Pasantes, e a presidenta da agrupación de mariscadoras da localidade, Yaqui Lista, lembraron que na actualidade mantense a paralización do plan de explotación decretado en marzo polo Goberno galego, e seguen a ver o futuro moi negro, porque cando se active o plan en decembro non saben se vai a haber marisco, as axudas do paro terminaranse e esta situación non chama nada á necesaria renovación xeracional.

As mariscadoras trasladaron a súa preocupación porque á metade das mariscadoras activas non lles foi aceptada a solicitude de cobrar as axudas do ISM vinculadas ao cese de actividade. Tamén comunicaron a necesidade de conseguir semente para espallar pola ría para tentar que haxa recurso marisqueiro de cara o futuro, e amosaron a súa inquedanza pola falta de produtividade e as posibles medidas para atallar o problema.

Oscar Insua e Rosana Pérez manifestáronlles que “dende o BNG imos seguir traballando nas institucións para dar traslado de todas as demandas do sector e para conseguir que os bancos marisqueiros de Camariñas volvan a ser produtivos”, e por suposto para que “namentres permaneza o plan de xestión paralizado, todas as mariscadoras teñan garantido un salario mínimo, porque non é normal que a metade das que solicitaron as axudas do paro ao ISM lle viñera denegada a axuda, e a Xunta se lave as mans, porque na comisión pasada votaron en contra dunha proposta do BNG para crear unha liña de axudas específica para Camariñas, sabendo que isto que está ocorrendo agora, podía pasar”.

Por último, declararon que “as axudas para mercar semente están sen resolver dende hai catro meses, e logo de xuño non se pode sementar. Non é comprensible que con toda a que está caendo no sector marisqueiro, a consellería do mar estea paralizada”.