O BNG, a través do deputado Oscar Insua, presentou varias iniciativas no Parlamento galego na que pide á Xunta de Galiza que leve a cabo unha batería de actuacións para impulsar a vivenda pública na Costa da Morte. Trátase dunha cuestión que segue a ocupar a primeira posición nos estudos sociolóxicos como principal problema existente para a cidadanía.
Insua solicitou que o Goberno galego inicie a tramitación para construír vivendas de promoción pública (VPP) nos concellos da Costa da Morte, así como que realice un estudo real e obxectivo sobre a vivenda na comarca, e que leve a cabo unha campaña de información pública naqueles municipios que promovan a inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda en Galiza. O deputado afirmou que “precisamos ter unha radiografía real da demanda de vivenda, porque os datos do rexistro non se corresponden coa realidade, e iso débese á falla de información, que é instigada pola Xunta para evitar construír vivendas VPP e así xustificarse”.
O BNG lembrou que a Costa da Morte non escapa á problemática de vivenda que está a afectar á grande maioría da poboación. Os prezos tanto para a compra como para o aluguer de vivenda “non deixan de medrar, e alcanzan cifras desorbitadas e inalcanzables para a gran maioría da poboación, tendo en conta que a subida dos salarios non crecen ao mesmo ritmo, e non son suficientes nin para mercar unha vivenda nin para alugala, sen destinar menos do 50 por cento da nómina”.
Os nacionalistas salientaron que son moitos os veciños e veciñas que non teñen a posibilidade de mercar unha vivenda ou alugala de forma permanente máis de nove meses seguidos. “E sobre todo, a quen máis lle afecta é á mocidade, que anda na procura do primeiro emprego e do primeiro domicilio cando se independiza”, advertiron.
O BNG fixo pé a falta de promoción de vivenda pública pola Xunta de Galizafoi unha constante nos últimos anos, e sinalou que a Xunta respondeu a unha pregunta do deputado Oscar Insua explicando que o IGVS non está a construír vivenda pública nos concellos do rural porque a súa estratexia estase a concentrar nos núcleos que teñen maior demanda. “Isto está condenando a todos os municipios rurais da Costa da Morte e tamén de Bergantiños á despoboación paulatina”, subliñou a formación nacionalista.
O Bloque incidiu en que o problema do acceso á vivenda aumenta tamén pola proliferación exponencial das vivendas turísticas, que axuda a que suban os prezos. Neste senso, os datos de xuño deste ano amosan que entre os dez primeiros concellos galegos con maior concentración de prazas en vivenda de uso turístico por quilómetro cadrado, despois de Sanxenxo e Barreiros, está Carnota, con 558’5; Fisterra con 495’1; Corcubión con 382’8; e Laxe con 341.
Oscar Insua afirmou que “o PP esta mesma semana no parlamento votou en contra dunha proposición de lei para regular as VUT co fin de facer fronte ao incremento de prezos da vivenda e á contracción da oferta de vivendas en alugueiro, e ao mesmo tempo segue sen construír unha soa vivenda de promoción pública na Costa da Morte, que son as únicas novas vivendas que poden garantir que serán residenciais e que servirán para que a xente se empadroe nos concellos e non siga escapando para os grandes núcleos de poboación”.