O BNG urxe á Xunta a tomar as medidas necesarias para a recuperación da normalidade na Lagoa de Baldaio

3 minutes read

O BNG vén de solicitar á Xunta de Galicia que adopte con urxencia as medidas necesarias para restablecer o fluxo intermareal natural na Lagoa de Baldaio co obxectivo de recuperar e conservar a súa biodiversidade, e ao tempo, a actividade marisqueira da Asociación de Mariscadores Fonte de Santa Helena. Así como a realizar todos os traballos necesarios para buscar unha solución definitiva que evite o peche da lagoa por acumulación de area na súa desembocadura.

O deputado Oscar Insua e o concelleiro de Medio Ambiente de Carballo, Miguel Vales, mantiveron unha xuntanza este martes co presidente da agrupación de mariscadores, Alberto Sánchez, na que analizaron a problemática e comprometéronse a seguir insistindo ante o Goberno galego para buscar unha solución definitiva.

O parlamentario nacionalista anunciou que ten listas diversas iniciativas para presentar no Parlamento galego ante a crítica situación da lagoa de Baldaio, coa aparición de peixes mortos e a alarmante mudanza na cor da auga debido ao peche total da canle ao mar desde o mes de maio. Esta circunstancia está a provocar un estancamento no interior da lagoa, favorecendo procesos de eutrofización e desalinización da auga que comprometen a calidade ambiental do ecosistema.

O BNG indicou que desde o Concello de Carballo deron conta da situación á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, requirindo unha avaliación de actuación urxente, dada a preocupación existente tanto na administración local como na asociación de mariscadores, que desenvolve a súa actividade extractiva nos areais da lagoa.

A formación nacionalista subliñou que en decembro de 2025 a Xunta realizou varios traballos co fin de restaurar o fluxo de auga entre a lagoa de Baldaio e o mar, e garantir o equilibrio do seu ecosistema, dado que a acumulación de area poñía en perigo a actividade marisqueira.

Oscar Insua manifestou que “a Consellería ten que aclararse, non se pode abrir a canle hai 7 meses, e agora dicir que é contraproducente. Teñen que tomar unha decisión xa, e nós esperamos que vaia na dirección que quere a asociación de mariscadores, que é que abran a canle e vaian traballando para dar unha solución definitiva a este problema recorrente”.

O concelleiro Miguel Vales afirmou que “estamos ante un espazo natural de enorme valor ambiental e tamén cun importante valor social e económico para Carballo. O peche da canle está a ter consecuencias moi graves para a biodiversidade da lagoa e para o traballo das mariscadoras e mariscadores, polo que a Xunta non pode permanecer de brazos cruzados”.Vales considera necesario actuar con urxencia para recuperar o intercambio natural de augas. “E ao mesmo tempo, planificar unha solución definitiva que evite que esta situación se repita periodicamente”, insistiu.

Valoración do Consello Local do BNG

Pola súa parte, desde o Consello Local do BNG de Carballo sinalaron que “Baldaio forma parte da identidade de Carballo e é unha responsabilidade colectiva garantir a súa conservación. O que está a suceder na lagoa demostra que non abonda con actuacións puntuais cando aparece o problema, senón que é necesario un compromiso estable por parte da Xunta para asegurar a correcta xestión deste espazo natural”.

“Non podemos normalizar que cada poucos meses se repita a mesma situación nin deixar soas ás mariscadoras e mariscadores, que son os primeiros en sufrir as consecuencias. A protección de Baldaio é tamén unha aposta polo futuro ambiental, económico e social do noso concello”, conclúe o Consello Local.