O Concello de Vimianzo incorpora como novidade á súa programación estival «Nouturnio de Vimianzo», unha visita teatralizada nocturna que permitirá descubrir o Castelo dun xeito diferente, entre a historia, a lenda e a interpretación.
Esta nova proposta desenvolverase os días 31 de xullo, 5 e 21 de agosto e 5 de setembro, ás 22:00 horas, convertendo a fortaleza nun escenario vivo no que os seus muros, recunchos e personaxes agochados cobrarán protagonismo ao caer a noite.
A actividade ofrecerá un percorrido guiado e teatralizado que mergullará ás persoas asistentes nos misterios e relatos que forman parte da memoria do castelo, combinando patrimonio, cultura e espectáculo nunha experiencia inmersiva para todos os públicos.
Con esta iniciativa, o Concello de Vimianzo amplía a súa oferta cultural de verán e continúa apostando por novas fórmulas de divulgación patrimonial que permitan achegar a historia local de maneira atractiva e participativa.
As prazas serán limitadas e será preciso realizar inscrición previa a través do código QR habilitado no cartel da actividade.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, destaca que esta nova proposta «permitirá vivir o Castelo desde outra perspectiva, aproveitando a maxia da noite para crear unha experiencia singular que combina patrimonio, emoción e cultura».
«Nouturnio de Vimianzo» nace así como unha das principais novidades culturais deste verán, reforzando o papel do Castelo como epicentro da programación cultural e turística do municipio.