O CCA Carballo arrinca unha nova edición de “Que rule, que rule!” con máis de 1.500 premios e catro sorteos

4 minutes read

Desde o pasado día 20 de maio, os sesenta e un comercios participantes entregarán os vales para participar na gran ruleta de premios que se celebrará o 6 de xuño na Praza do Concello.

O Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo vén de poñer en marcha este mércores unha nova edición da campaña “Que rule, que rule!”, unha das iniciativas máis agardadas da primavera e coa que, un ano máis, se busca premiar a fidelidade da clientela e incentivar as compras no comercio local. Esta mesma mañá, varios responsables da entidade presentaron a actividade no Concello xunto ao alcalde de Carballo, Daniel Pérez, o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela e a técnica responsable da área de Promoción Económica e Turismo, Paula Lema.
A campaña, que alcanza xa a súa sétima edición, desenvolverase ata o sábado 6 de xuño. Durante estas semanas, todas as persoas que realicen compras nos 61 establecementos participantes recibirán un boleto por compra —grampado ao ticket ou selado— co que poderán participar na gran ruleta de premios instalada na Praza do Concello. Deste xeito, a presidenta do CCA Silvana Rama, lembrou que “esta campaña é moito máis que unha promoción. É un pequeno agradecemento á veciñanza que, coas súas compras e visitas, mantén viva a nosa vila e ao comercio local. E nós queremos devolver, a través da nosa ruleta de premios, a confianza e o apoio que recibimos cada día”. Así mesmo, o concelleiro de Feiras e Mercados Ramón Varela, destacou o impacto da campaña no dinamismo local: «Para a concellería é fundamental camiñar da man do CCA en proxectos que dan vida ás nosas rúas, feiras e mercados. Esta ruleta non só premia a fidelidade da clientela, senón que funciona como un impulso directo para os establecementos. Convidamos a toda a cidadanía a participar e a seguir apostando pola proximidade, porque apoiar o comercio local é facer crecer a Carballo.»
A xornada central da campaña celebrarase precisamente o primeiro sábado do mes de xuño, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, cunha ruleta que repartirá máis premios ca nunca, máis de 1500 agasallos directos entre as persoas participantes. Tal e como recollen as bases da campaña, e por motivos organizativos, non se permitirán máis de tres tiradas consecutivas por persoa.
Entre os premios haberá experiencias e regalos de todo tipo: ceas, almorzos, sesións de piscina termal, clases de surf, aloxamento e almorzo no Glamping Nature, limpezas bucais, produtos gourmet, parasois, set de pas, doces, xeados artesáns, chocolate, artigos para mascotas, vales de compra e moitas outras sorpresas, entre outras a que tamén agochará a propia ruleta.
Ademais, todos os boletos que non resulten premiados participarán automaticamente no sorteo final de catro cheques de 100 euros cada un para consumir nos preto de cen establecementos asociados ao CCA Carballo.
A campaña conta coa colaboración de 96 empresas locais e co apoio da Fundación Luis Calvo, o Concello de Carballo —a través da Concellería de Promoción Económica e Turismo—, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. Desde o Concello de Carballo, o alcalde Daniel Pérez, sinalou a importancia da colaboración estratéxica co sector comercial: «Desde o Concello de Carballo estamos encantados de colaborar un ano máis nesta campaña do Centro Comercial Aberto. A ‘Ruleta do CCA’ xa é unha cita clásica e moi agardada pola veciñanza; unha actividade lúdica que dinamiza as nosas rúas e que sempre conta cunha acollida excelente. Comprar en Carballo sempre é sinónimo de calidade, e con este tipo de accións facemos que o noso tecido comercial sexa cada día máis forte e atractivo»
Desde o CCA Carballo animamos a toda a cidadanía a participar nesta iniciativa, apoiando ao comercio de proximidade e achegándose o día 6 de xuño á Praza do Concello para gozar dunha xornada festiva chea de premios, ilusión e dinamización comercial. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao mercado municipal.

Comercios participantes
A Fragua, A Saia de Carolina, Adega O’Lagar, Akira Moda, Aloe Herboristeria, Anxaima, Atelier, Atmosfera Sport, Avanty Publicidade, BeCool, Benetton, Buy&Sell, Calzados Susa, Cenor, Centro de Estética Purificación Lema, Clarión libraría, Cristina Morgade, Comercial Queijo, Confitería San Luis, D&A Complementos, Dequip Carballo, Doce Soños, donClip.es, DV Carballo, Ekaté, Emiliano Moda, Ferretería Arán, Floreria Taibo, Florida Centro Joya, Informatica Valem, Jorge Moda, Joyerias Rafa Vila, La Casita de Lu, Lencería-Mercería Mª Jose, Lenda, Madeixalazos, Maker Store by AllKnow, MaloSerá Carballo, Maluca Lobe, MisterNutrición, Moda Súarez, Muebles Fuentes, Multiópticas, Mmmm!Xeados, O Barco dos Soños, Óptica Enriquez, Orange Carballo, Refugallo Zero, Restaurante-Parrillada A Lareira, Retoños, Sweet Spirit, Teiron home, Teiron muller, Teiron neno/a, Teiron surf, Todo Lar, upa! Espazo barefoot, Xoguetería Merliño, Zapatilleria Isabel, Zocas e Zuccaro.