O CCA Carballo entregou o segundo cheque agasallo da campaña «O Prezo Xusto»

2 minutes read

O Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo viaxou ata a localidade carballesa de Razo para facer entrega do segundo cheque agasallo de 50 euros da campaña «O Prezo Xusto», unha iniciativa que durante todo o mes de xullo está a dinamizar as redes sociais da entidade e a fomentar, ao mesmo tempo, as compras no comercio e na hostalaría local.


O gañador desta segunda semana foi Luciano Longueira Verdes, quen realizou unha estimación de 867,35 euros para o valor do escaparate virtual, quedando a tan só 12,80 euros do importe correcto, que ascendía a 880,15 euros. Este acerto converteuno na persoa participante que máis se aproximou ao prezo real dos produtos expostos, facendo merecedor do premio.


Para poder recoller o cheque, Luciano Longueira Verdes presentou, tal e como establecen as bases da campaña, os correspondentes tickets acreditativos de dúas compras realizadas durante esa semana en establecementos asociados ao CCA, reforzando así o obxectivo principal da iniciativa: incentivar o consumo no comercio e na hostalaría de proximidade.


Desde o Centro Comercial Aberto queren agradecer a elevada participación rexistrada nesta segunda edición do concurso e animan a toda a cidadanía a seguir formando parte desta proposta, que combina entretemento, participación dixital e apoio ao tecido comercial local.


A campaña continúa esta semana cun novo escaparate, xa publicado o día 17 na conta oficial de Instagram do CCA, no que as persoas participantes deberán adiviñar o seu prezo exacto para optar a un novo cheque agasallo de 50 euros.


Para participar é preciso seguir a conta de Instagram do CCA Carballo, indicar cun «Gústame» a publicación do escaparate, etiquetar a unha persoa nos comentarios e escribir a estimación do prezo total. O prazo para participar neste terceiro escaparate permanecerá aberto ata o venres 24 de xullo ás 20.00 horas, momento no que se pecharán as participacións para proceder, unha hora máis tarde, a desvelar o nome da persoa gañadora.