O Centro Comercial Aberto de Carballo continúa apostando pola formación e a modernización do comercio local coa posta en marcha dun novo curso dirixido aos seus asociados centrado no uso profesional das redes sociais como ferramenta de promoción e comunicación.
Baixo o título “Redes sociais para comercios locais”, este marte 19 arrinca a última quenda desta acción formativa pensada para comerciantes e pequenos negocios que xa teñen presenza nas plataformas dixitais, pero que buscan mellorar resultados, aumentar a súa visibilidade e comunicar dunha maneira máis profesional, atractiva e eficaz.
O curso conta con dous relatores especializados no ámbito do marketing e da comunicación audiovisual. Por unha banda, Lucía Ortega Rodríguez, consultora de marketing dixital e cofundadora de Ortega & Lodeiro, responsable de achegar os seus coñecementos en estratexia de marca, posicionamento e xestión de redes sociais. Pola outra, Domingo D. Docampo, director de SocialDocs e Mobilcinema, que comparte a súa experiencia en publicidade, creatividade e produción audiovisual aplicada ao comercio.
Ao longo das sesións, os/as participantes traballan cuestións prácticas e directamente aplicables ao día a día dos negocios, como a creación de marca, a xeración de contidos, o uso de ferramentas e aplicacións para edición de vídeo, así como técnicas básicas para optimizar perfís sociais e mellorar a comunicación co público.
A formación tamén aborda novas tendencias vinculadas á intelixencia artificial e á planificación estratéxica de contidos, ofrecendo aos asistentes recursos para converter as redes sociais nun auténtico escaparate dixital para os seus negocios.
Debido ao elevado número de asistentes (máis de 40 persoas e 33 comercios), o CCA Carballo organizou tres quendas de formación para un mellor aproveitamento das sesións, de carácter maioritariamente práctico, que deron comezo o pasado 21 de abril e finalizarán o 27 de maio. As clases están a ter lugar na Sala Cervantes do Mercado Munciipal todos os martes e mércores, de 21 a 23 horas.
Desde o CCA Carballo destacan a importancia de seguir impulsando iniciativas que axuden ao pequeno comercio a adaptarse aos novos hábitos de consumo e ás canles de comunicación actuais, reforzando así a competitividade e a proximidade do tecido comercial local.