A pista de xadrez da Praza do Concello de Carballo foi novamente o escenario elixido polo Centro Comercial Aberto para facer entrega dos premios da campaña “Que rule, que rule”, celebrada o pasado sábado 6 de xuño nese mesmo emprazamento.
No acto entregáronse os sete cheques sorteados entre as persoas participantes na campaña, resultando agraciadas un total de sete persoas, todas elas veciñas de Carballo.
As gañadoras dos cheques de 100 euros do Centro Comercial Aberto foron Susana Abelenda, Natalia Aguiar Quintenla, Antía Amado Alcoba e Eva María Canedo Agrelo. Pola súa parte, Francisco Pouso Figueiras recibiu un cheque de 50 euros de Supermercados Froiz, mentres que Silvia Queiro Villar e Loly Suárez Ramos foron premiadas con cheques de 10 euros de Gadis.
Ademais, unha das persoas gañadoras tamén resultou agraciada cunha das experiencias máis atractivas da campaña: unha estancia con almorzo incluído no Glamping de Espazo Nature.
Os cheques do CCA Carballo teñen unha validez de 45 días e poderán ser consumidos en calquera dos preto de 100 establecementos asociados que forman parte do Centro Comercial Aberto.
Desde a entidade queren agradecer unha vez máis a participación e a confianza depositada no comercio de proximidade “porque cada compra contribúe a fortalecer o tecido comercial da vila e demostra que o comercio local segue a ser unha opción de calidade, confianza e trato personalizado que, ademais sempre ten recompensa”.
O Centro Comercial Aberto xa traballa na súa próxima campaña de dinamización comercial, que chegará moi pronto á vila con divertidos e refrescantes escaparates aos que haberá que poñerlle o seu prezo xusto.
0