O centro sociocomunitario de Corcubión, dependente da Consellería de Política Social e Igualdade, celebrou a festa anual que pon fin a tempada de actividades, antes das vacacións de verán.
Reuniuse un gran número de usuarios que gozou dunha mostra dos traballos máis significativos realizados ao longo do ano, e tamén da reportaxe fotográfica sobre o seu funcionamento ao longo de 36 anos, que son os mesmos que leva á fronte do centro a súa actual directora, Ana Varela-Portas.
Cada día, usuarios de diversas idades reúnense neste centro para charlar, ler a prensa ou ver a televisión. Entre as actividades organizadas destacan ximnasia, baile, manualidades, pintura, informática e xadrez, ademais de iniciativas puntuais de costura e calceta.