O Colexio de Procuradores da Coruña emitiu este mércores un comunicado afirmando que os xulgados do partido xudicial de Carballo se atopan nunha situación de colapso sen precedentes, provocando atrasos que afectan gravemente aos cidadáns e prexudican o labor dos operadores xurídicos, e din que a falta perentoria de persoal e a rotación dos persoais converteron a xestión diaria nun escenario caótico.
A parálise xudicial non é un feito illado dunha sección concreta, senón que afecta a tramitación, instrución, declarativos e execución. Na actualidade, o partido xudicial arrastra demandas verbais de case dous anos de antigüidade sen sinalar e escritos da mesma data pendentes de tramitación.
A situación é especialmente crítica en tres áreas crave para o funcionamento da xustiza: a execución, o rexistro e repartición de asuntos e a tramitación de instrución penal.
Polo que se refire ás execucións non xudiciais (procedementos legais para esixir o cumprimento forzoso dunha débeda ou obrigación) e as execucións hipotecarias, sofren atrasos de ano e medio só para ser admitidas a trámite, posto que é un único funcionario o que xestiona todas as deste tipo que se producen no partido xudicial.
En canto ao rexistro e repartición de asuntos, prodúcese unha situación parecida, e é unha soa persoa quen asume en exclusiva a repartición de todas as demandas civís, denuncias e querelas. Este mesmo funcionario debe, ademais, compaxinar esta carga coas gardas e a expedición de poderes apud acta, o que provoca que os asuntos queden bloqueados durante meses antes de ser asignados.
Inestabilidade do persoal
Á escaseza de recursos humanos súmase unha altísima volatilidade do persoal. O funcionariado que chega a Carballo frecuentemente abandona a praza de forma case inmediata en busca doutros destinos.
A este escenario de precariedade engádeselle o impacto da Lei Orgánica 1/2025 de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza, que, lonxe de axilizar, menoscaba a operatividade de xulgados como o de Carballo.
Ante esta situación, o colectivo esixe ás administracións competentes unha intervención urxente que dote aos xulgados de Carballo dun persoal suficiente e estable que permita unha adecuada repartición da carga de traballo e unha tramitación áxil de asuntos que garanta unha xustiza rápida e eficaz.