O comercio de Carballo alzou este martes unha única voz en defensa do comercio de proximidade e da economía local. Os establecementos participantes pecharon as súas portas entre as 10.00 e as 12.00 horas para expresar a súa desconformidade coa exclusión de Carballo, por segundo ano consecutivo, do programa MercaNaVila que promove a área de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, e reclamar igualdade de oportunidades para o sector e para a veciñanza.
A mobilización desenvolveuse con normalidade e sen incidentes. Tras unha mañá de peche comercial, ás 12.00 horas os manifestantes concentráronse na céntrica rúa Coruña e desprazáronse a pé ata a praza do Concello, onde tivo lugar a lectura dun manifesto que resumiu as principais reivindicacións do sector baixo o lema «Nós tamén somos vila!». Os establecementos participantes cubriron os seus escaparates con pancartas para facer visible unha protesta que transcende os intereses particulares dos negocios e apela ao conxunto da cidadanía.
O motivo da mobilización é a aplicación dun criterio poboacional que deixa fóra Carballo do programa, sen ter en conta a súa realidade territorial e comercial. O municipio conta con 18 parroquias rurais e unha cabeceira comarcal que presta servizos a toda a súa contorna, unha función que, segundo defende o Centro Comercial Aberto (CCA), debería ser considerada á hora de deseñar iniciativas públicas de dinamización comercial.
A entidade non cuestiona o obxectivo de MercaNaVila, destinado a impulsar as compras nas localidades máis pequenas, senón que reclama que se revisen as condicións de acceso para evitar que o apoio a uns municipios se traduza en prexuízos para outros. O CCA lembra que os datos recollidos entre os seus asociados tras a campaña do ano pasado reflectiron perdas de facturación de entre 8.000 e 12.000 euros nalgúns establecementos durante o período de aplicación dos bonos.
A preocupación vai máis alá do impacto económico directo nos negocios excluídos. A entidade advirte de que este tipo de iniciativas tamén están a favorecer o desprazamento de consumidores e a fuga de gasto cara a outras localidades e comarcas, en detrimento da economía de proximidade. Unha situación que afecta ao conxunto do tecido comercial, incluídos os establecementos que si participan no programa, porque a actividade económica das vilas está conectada e a perda de consumo nunha localidade repercute no equilibrio comercial da súa contorna.
O CCA pon tamén o foco na situación da veciñanza de Carballo, que recibe nos seus domicilios comunicacións que a convidan a utilizar os bonos e mercar fóra da súa localidade de residencia e referencia. A entidade considera que non ten sentido promover o desprazamento do consumo cando o obxectivo compartido das administracións e do sector debe ser fortalecer o comercio de proximidade e favorecer que a actividade económica permaneza no territorio.
Por iso, ademais de reclamar unha revisión das bases das próximas convocatorias, para que os bonos se circunscriban á localidade de residencia de cada veciño/a, garantindo así o investimento en cada municipio beneficiario, o CCA propón que, se se mantén o criterio poboacional, se contemple a posibilidade de que Carballo funcione como complemento ao programa destinado ás localidades máis pequenas. Esta fórmula permitiría manter o apoio aos concellos beneficiarios e, ao mesmo tempo, ofrecer alternativas para evitar a fuga de consumo e reforzar a función comercial das cabeceiras de comarca.
«Non pedimos privilexios nin compensacións. Esiximos igualdade de oportunidades para o comercio de Carballo e para a súa veciñanza», recolle o manifesto lido na praza do Concello. O texto insiste en que apoiar as vilas máis pequenas non debe significar prexudicar outras, senón buscar solucións equilibradas que beneficien o conxunto do territorio. Todos somos pequeno comercio en mans de pequenos autónomos.
O CCA e os responsables provinciais retoman o diálogo
Nas últimas horas, responsables provinciais puxéronse en contacto co CCA de Carballo para retomar o diálogo e procurar novas vías de colaboración que permitan apoiar o comercio da localidade. Nos vindeiros días, a entidade estudará propostas alternativas co conxunto do tecido comercial para avanzar cara a solucións que respondan ás necesidades do sector.
Desde a entidade deféndese que a dinamización económica debe construírse desde a cooperación entre municipios e administracións, sen xerar desequilibrios nin desviar o consumo das localidades que tamén actúan como referentes para a súa contorna.
A xornada de protesta concluíu cunha mensaxe clara: a defensa do comercio local é tamén a defensa do emprego, da actividade económica e da vida das vilas. «Apoiar o comercio local debe unir, non dividir», recolle o manifesto, que remata cunha reivindicación compartida polos establecementos participantes: «Nós tamén somos vila!».
0
