O IES Maximino Romero de Lema, situado en Baio (A Coruña), acadou un gran recoñecemento a nivel estatal ao quedar finalista entre máis de 300 traballos presentados na 5.ª edición dos Premios Mentes AMI organizados pola Fundación Atresmedia, na categoría de “Desenvolvemento da Competencia Dixital”. O proxecto elixido, titulado «Miño en xogo», ten como obxectivo principal achegar ao alumnado á historia, a xeografía, o patrimonio cultural galego, a igualdade de xénero e a diversidade a través do deseño e construción dun xogo de mesa interactivo físico-dixital que percorre o río Miño.
Esta iniciativa educativa e innovadora foi representada na gran gala da final por dous dos seus docentes, Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo. O certamen, de gran relevancia nacional, está organizado pola Fundación Atresmedia en colaboración con prestixiosos patrocinadores e entidades como Platino Educa, UNIE Universidad e a Fundación “la Caixa”, e ten coma obxectivo principal promover, recoñecer e dar visibilidade a proxectos educativos innovadores desenvolvidos polos centros escolares e docentes.
Estes galardóns buscan impulsar entre os nenos e novos as chamadas competencias AMI (Alfabetización Mediática e Informacional), empoderándoos para que se convertan nunha cidadanía máis crítica, informada e responsable na actual sociedade dixital.
Durante a xornada, os docentes tamén participaron nunha mesa redonda onde puxeron o foco nun dos grandes retos educativos actuais: a importancia do pensamento crítico ante o avance das novas tecnoloxías. No marco dos debates celebrados, destacouse que o uso da intelixencia artificial e das ferramentas dixitales nas aulas debe ir sempre da man dunha actitude reflexiva e ética.
Neste eido, o traballo que desenvolve o IES Maximino Romero de Lema destaca precisamente por converter ao alumnado en creadores activos e conscientes de tecnoloxía e non en meros consumidores. Neste proxecto combínanse elementos como tarxetas NFC e intelixencia artificial xenerativa, baixo metodoloxías como o Aprendizaxe Basado en Proxectos (ABP), a gamificación ou o enfoque STEAM, Miño en xogo promove a aprendizaxe colaborativa e interxeracional, reducindo a fenda dixital no medio rural e convertendo ao alumnado en creador activo de tecnoloxía.
Estar entre os finalistas dun certamen estatal de tal magnitude reafirma que dende a educación pública e rural faise unha innovación didáctica de vangarda que prepara aos estudantes para os retos do mundo dixital.
