O Concello da Laracha adxudicará nos próximos días os contratos so servizo de roza e desbroce

1 minutes read

O Concello adxudicará os contratos dos cinco lotes nos que se divide o servizo de roza e desbroce de cunetas das estradas e tamén de parcelas.

En total o Concello destinará 128.000 euros procedentes integramente de fondos propios para actuar en máis de trescentos quilómetros de estradas locais, 83 quilómetros de pistas forestais e preto de 32 hectáreas de terreos e parcelas de titularidade municipal que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.

Os lotes 1 (parroquias de Cabovilaño, Caión, Lemaio, Lendo, Torás e Vilaño) e 4 (camiños forestais en todo o termo municipal) será adxudicado a Agroforestal Rodríguez. O lote 2 (Coiro, Erboedo e Soandres), a Rosa Mar Caamaño Alvite. O lote 3 (Lestón, Golmar, Montemaior e Soutullo), a Serbergan S.L. E o lote 5 (parcelas e terreos de titularidade municipal), á empresa larachesa Forpón.

A adxudicación dos cinco lotes a catro firmas diferentes permitirá que poidan actuar de xeito simultáneo e axilizar os traballos. A previsión do Concello é, tan pronto se completen os trámites administrativos do procedemento de contratación, iniciar as intervencións nas parroquias de Lestón, Lendo e Coiro, así como nas estradas de acceso á praia de Caión. Posteriormente os traballos levaranse a cabo no resto das parroquias.

O obxectivo desta campaña anual de roza e desbroce é eliminar a vexetación herbácea nas marxes das estradas para frear o seu crecemento, mellorar a visibilidade dos condutores e viandantes e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público.