O Concello aprobou a Oferta de Emprego Público de 2026, que foi publicada este venres no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A oferta contempla un total de cinco prazas de funcionarios de carreira, incorporando todas as vacantes que poden ser incluídas de acordo cos límites establecidos pola normativa estatal en materia de taxa de reposición de efectivos.
En concreto, a Oferta de Emprego Público inclúe dúas prazas de auxiliar administrativo, encadradas no grupo C2 e de acceso libre, así como tres prazas de Policía Local do grupo C1, das cales dúas serán cubertas polo sistema de mobilidade e unha por acceso libre.
No caso das prazas de Policía Local, os procedementos selectivos están delegados na Axencia Galega de Seguridade Pública.
Polo que respecta ás dúas prazas de auxiliar administrativo/a, este trámite supón o inicio do proceso para a súa cobertura definitiva. A lexislación vixente establece un prazo máximo de tres anos para que o Concello proceda á convocatoria destas prazas.
A aprobación desta oferta permite continuar avanzando no obxectivo de reforzar a estrutura municipal e garantir unha prestación eficaz dos servizos públicos, favorecendo ao mesmo tempo a estabilidade do emprego na administración local.
O Concello da Laracha destaca que a Oferta de Emprego Público de 2026 recolle a totalidade das prazas que poden ser incorporadas ao abeiro da taxa de reposición autorizada pola normativa vixente. Deste xeito, a administración local realiza un esforzo por aproveitar ao máximo as posibilidades legais existentes para incorporar novo persoal e consolidar os recursos humanos necesarios para atender as necesidades da cidadanía.