O Concello da Laracha completará en agosto as obras da cuberta da piscina

2 minutes read

Trátase dunha actuación na que se están a investir preto de 350.000 euros e que permitirá mellorar tanto a impermeabilización como a eficiencia enerxética. Así, a semana de peche por mantemento farase coincidir co inicio da fase final das obras para minimizar o tempo de inoperatividade das instalación e reducir as molestias aos usuarios.

Entre o luns 10 e o domingo 16 de agosto permanecerán pechadas todas as instalacións do complexo deportivo por mantemento. Posteriormente, desde o luns 17 ata o venres 28 de agosto, reabrirán ao público todas as salas da zona de ximnasio e tamén os vestiarios, permanecendo pechada unicamente a zona húmida mentres se executan os traballos previstos no interior da edificación.

Na actualidade, a intervención na parte exterior da cuberta atópase practicamente rematada. Nas próximas semanas abordarase a actuación no interior coa mellora do illamento dos falsos teitos, completando así un proxecto promovido polo Concello ante a necesidade de resolver os problemas detectados na cuberta e incrementar o confort dos usuarios. A intervención permitirá corrixir as deterioracións que estaban a provocar estancamentos de auga de chuvia e incrementaban o risco de filtracións, así como a degradación da membrana impermeable, que xa non ofrecía un funcionamento óptimo. Para iso retiráronse todas as capas da cuberta existente para construír unha nova con garantías de durabilidade e seguridade. Ademais, mellórase o illamento térmico do edificio e a nova estrutura queda preparada para posibilitar no futuro a instalación de paneis solares fotovoltaicos.

Paralelamente, o Concello está traballando na próxima concesión da xestión e explotación deste complexo deportivo municipal. O novo contrato recollerá as melloras que coas que se dotou ás instalacións nos últimos anos, tanto no equipamento como na modernización dos espazo e na eficiencia enerxética co obxectivo de seguir ofrecendo aos usuarios un complexo deportivo moderno, funcional e adaptado ás necesidades actuais.