O Concello iniciou os traballos de renovación integral do pavimento do Pavillón Municipal da Laracha, unha actuación destinada a mellorar as condicións dunha instalación que durante todo o ano acolle unha intensa actividade deportiva. Ese continuado uso do equipamento fai necesario acometer unha intervención integral sobre a superficie de xogo, na que se viñan detectando deficiencias tanto no acabado do pavimento como nos elementos de sinalización das distintas disciplinas deportivas.
Os traballos contemplan o acoitelado técnico do parqué existente, así como a aplicación dunha man de fondo, unha man de verniz técnico con propiedades antideslizantes e unha capa protectora.
Paralelamente realizarase a medición, marcado e pintado das liñas de xogo correspondentes ás modalidades de balonmán, fútbol sala, baloncesto, minibasket e voleibol.
A actuación permitirá poñer a punto o pavimento do pavillón e adaptalo ás necesidades da actividade deportiva que se desenvolve alí, mellorando tanto a calidade do espazo de xogo como as condicións para a práctica das diferentes modalidades.
O alcalde, José Manuel López Varela, acompañado pola concelleira de Deportes, Patricia Bello, e o edil de Obras, Pablo Cambón, visitaron o pavillón Municipal para interesarse polo desenvolvemento das primeiras actuacións.
O orzamento supera os 42.000 euros e o prazo de execución previsto é dun mes, polo que o Pavillón Municipal da Laracha non estará dispoñible para o seu uso previsiblemente ata a segunda semana de outubro.
