O Concello vén de sacar a licitación a concesión da xestión e explotación da cafetería do Centro Sociocultural de Paiosaco. Faise co obxectivo de volver a poñer en funcionamento está instalación municipal que, ademais de prestar o servizo como establecemento hostaleiro tamén fai as veces de punto de encontro e convivencia para a veciñanza.
O anuncio da licitación publícase hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP), podendo consultarse tanto as condicións da concesión como o resto da documentación na Sede Electrónica do Concello. O prazo de presentación de ofertas será de trinta días hábiles a contar desde mañá.
O contrato terá unha duración de cinco anos. O canon mínimo a abonar pola concesionaria establécese en 1.200 euros anuais, unha contía que coincide co gasto estimado dos servizos de subministración de electricidade e auga do local que asumirá o Concello, favorecendo así unhas condicións económicas que faciliten a prestación do servizo.
O local municipal entregarase completamente equipado co equipamento necesario para o desenvolvemento da actividade, de xeito que unha vez formalizado o contrato se poida poñer en funcionamento á maior brevidade e nas mellores condicións.
A cafetería do Centro Sociocultural de Paiosaco constitúe un servizo que complementa a intensa actividade que diariamente rexistra esta instalación municipal, na que se atopan a biblioteca, aulas destinadas a cursos e programas formativos, espazos empregados polo tecido asociativo e o auditorio no que se desenvolven numerosas propostas culturais e sociais ao longo do ano.
Coa convocatoria desta licitación o Concello reafirma a súa aposta por manter vivo unha instalación municipal que transcende o propio servizo de hostalaría para converterse nun lugar de encontro aberto a toda a veciñanza. Ademais de favorecer a actividade económica local, preténdese consolidar un espazo que contribúe a fortalecer a convivencia, dinamizar a vida social de Paiosaco e ofrecer un servizo de calidade ás persoas que participan na ampla programación que acolle o Centro Sociocultural.