O Concello licitou hoxe a execución das obras de mellora viaria que afectarán a estradas das parroquias de Cabovilaño e Coiro cun orzamento que supera os 129.000 euros.
A intervención en Cabovilaño será na vía que comunica O Regado con Arén ata a altura do cruce do Cancelo. Os traballos centraranse especialmente no tramo máis estreito, duns 400 metros de lonxitude e situado no núcleo de Arén, onde se ampliará a plataforma para acadar unha anchura mínima de 5 metros. Contémplase o acondicionamento dos arcéns e a construción dunha escollera de contención nunha das marxes da vía,
A intervención de Coiro corresponde á estrada que enlaza a DP-1913 coa escola do Rapadoiro. Neste caso, a actuación afectará a unha distancia aproximada de 800 metros e permitirá ampliar a plataforma da calzada ata alcanzar unha anchura media de 4,5 metros.
En ambas vías está prevista a renovación da superficie de rodadura, así como a mellora da sinalización horizontal e vertical. Estas actuacións contribuirán a incrementar a seguridade viaria e a ofrecer mellores condicións de circulación.
O Concello considera prioritario continuar actuando sobre a rede viaria municipal para mellorar progresivamente o estado e as características das estradas e camiños, favorecendo desprazamentos máis seguros e cómodos tanto para os vehículos como para os veciños e veciñas que utilizan habitualmente estas vías.
O prazo para a presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 22 de setembro. Toda a documentación relativa ao procedemento de contratación pode consultarse na Plataforma de Contratación del Sector Público.
O proxecto será cofinanciado pola Deputación da Coruña ao estar incluído no POS+ Adicional.
