Son a mellora da praza Les Sables d’Olonne, na capital municipal, da praza Punta das Ondas, en Caión, e da estrada no Cancelo do Medio, na parroquia de Cabovilaño.
Na praza Les Sables d’Olonne levarase a cabo a renovación do pavimento mediante o fresado das zonas necesarias e a extensión dunha nova capa de rodadura en toda a superficie. Ademais, renovarase a sinalización horizontal e vertical e reforzarase o equipamento urbano.
Esta praza é o principal espazo de celebracións da capital municipal ao acoller boa parte dos eventos multitudinarios que se organizan ao longo do ano, e funciona tamén habitualmente como zona de estacionamento para os veciños residentes e usuarios do IES Agra de Leborís, da Biblioteca Municipal e da Casa da Cultura.
Pola súa parte, a praza Punta das Ondas localízase en Caión, na parte posterior da cetaria, a carón do paseo marítimo e moi próxima ao Centro Sociocomunitario da vila. Ese ámbito acolle varias das antigas casetas dos mariñeiros. O proxecto contempla a renovación do pavimento mediante a aplicación dun firme asfáltico, o acondicionamento das marxes para incorporalas á praza e a renovación da sinalización horizontal. Tamén se inclúen melloras na rede de recollida de pluviais.
E no Cancelo do Medio, na parroquia de Cabovilaño, intervirase sobre dúas estradas municipais que suman un total de 167 metros lineais. As obras inclúen a limpeza de cunetas, o acondicionamento das plataformas, a mellora da base do firme, a pavimentación con aglomerado asfáltico e a nova sinalización.
O orzamento máximo de licitación alcanza os 71.147,62 euros. O proxecto será cofinanciado pola Deputación da Coruña ao estar incluído no Plan Único Concellos POS+. O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 16 de xullo.