Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este mércores aprobouse o expediente de contratación para o alleamento de seis parcelas municipais situadas na urbanización Monte Claro (Cancelo do Medio, parroquia de Cabovilaño), que se fará mediante procedemento aberto e sistema de poxa ao alza, acordando tamén a convocatoria da súa licitación.
A iniciativa responde á crecente demanda de solo urbanizable para a construción de novas vivendas existente no termo municipal da Laracha. Permitirá poñer a disposición da cidadanía terreos municipais situados nunha das zonas residenciais con maior proxección do concello da Laracha.
O acordo adoptado este mércores constitúe o paso administrativo previo á publicación da licitación, que se realizará en próximas datas. Co obxectivo de facilitar a participación de todas as persoas interesadas, as ofertas poderán presentarse tanto por medios electrónicos como presencialmente no Rexistro Xeral do Concello.
As seis parcelas que sairán a licitación están destinadas á construción de vivendas unifamiliares e presentan diferentes características. A máis ampla é de 442 m2 e cunha edificabilidade de 184 m2. Tres presentan unha superficie de 375 m2, sendo a edificabilidade de 160 m2 nunha delas e de 150 m2 nas outras dúas. E as máis pequenas son de 350 m2 cunha edificabilidade de 150 m2.
Para a adxudicación o único criterio de valoración será o maior prezo ofertado. As persoas interesadas poderán presentar unha oferta por cada unha das parcelas ás que desexen optar.
O Concello da Laracha dispón dun total de trece parcelas municipais nesta urbanización do Cancelo do Medio. Mentres seis delas serán obxecto desta licitación, as outras sete están incluídas nun expediente -actualmente en tramitación- para incorporalas ao Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), co propósito de ampliar a oferta residencial e favorecer o acceso á vivenda.