O Concello da Laracha volve a organizar este verán visitas guiadas por Caión

1 minutes read

Este novo programa de visitas guiadas está pensado para todos os públicos -veciños, turistas e visitantes de calquera idade- co obxectivo de poñer en valor o patrimonio histórico, natural e cultural de Caión.

Caión, entre mareas e historia consiste nun percorrido cultural guiado pola vila no que descubrir os lugares e puntos de interese máis destacados. A visita comeza na Oficina de Turismo, situada na antiga casa reitoral, e remata cunha parada no museo do Arquivo da Pesca, un espazo que permite coñecer de preto a historia e tradición mariñeira da localidade. Este roteiro realizarase todos os mércores e venres entre o 22 de xullo e o 4 de setembro, con saída ás 12:00 h.

A participación é gratuíta, pero require de inscrición previa. As persoas interesadas poden anotarse enviando os seus datos persoais por correo electrónico a turismo@alaracha.gal, chamando ao 647828510 ou ben presencialmente na oficina de turismo.

Con esta iniciativa o Concello reafirma o seu compromiso coa posta en valor do seu patrimonio e coa promoción dun turismo sostible, enriquecedor e aberto a toda a cidadanía.