O Concello de Carballo, a través da Concellería de Servizos Sociais, aprobou unha actualización das contías económicas dos vales de alimentos para apoiar as familias ante a subida de prezos. Esta medida, que entrou en vigor o 1 de xuño, ten como obxectivo prioritario dar unha resposta áxil e directa ás familias do municipio que están a sufrir con maior intensidade o impacto da inflación e o encarecemento continuado dos produtos básicos de consumo.
Con esta reestruturación do baremo, o goberno local busca garantir a cobertura das necesidades nutricionais básicas e reforzar o escudo social municipal. O incremento non só eleva as asignacións individuais e por fillo ou filla a cargo, senón que tamén aumenta de xeito substancial o tope máximo de axuda por unidade familiar.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, salienta que esta revisión era “prioritaria para evitar o desamparo dos colectivos con menos recursos nun contexto económico complexo que mingua a capacidade de compra das familias”.
Balance do ano 2025
Esta actualización do baremo chega tras un ano de intensa actividade do departamento de Servizos Sociais para conter o impacto da crise de prezos. Ao longo do pasado ano 2025, o Concello de Carballo mobilizou un total de 116.418 euros destinados especificamente a este fin.
En total, emitíronse 584 vales de alimentos, distribuídos da seguinte maneira: 562 vales mensuais, destinados ao seguimento e apoio continuado das familias vulnerables, e 22 vales ao portador, deseñados para dar resposta a situacións de emerxencia social inmediata.