O Concello de Carballo informa de que xa está dispoñible na páxina web municipal (carballo.gal) o modelo de alegación tipo individual para que toda a veciñanza que o desexe poida participar no trámite de información pública do proxecto da planta de biogás proxectada no veciño concello da Laracha.
Cun documento amplo e fundamentado, o obxectivo do goberno municipal é facilitar que os veciños e veciñas poidan canalizar de xeito sinxelo as súas preocupacións ante un proxecto que sitúa as súas posibles afeccións directas e indirectas sobre o termo municipal de Carballo. O prazo para a presentación destas alegacións remata o vindeiro martes 26 de maio.
O modelo de alegacións posto a disposición pública recolle de forma detallada os principais riscos detectados no proxecto e que afectan directamente á calidade de vida do municipio:
- Abastecemento de auga: alértase do impacto crítico que os vertidos tratados ao río Anllóns poden ter sobre a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Carballo, situada augas abaixo da planta, o que podería comprometer a potabilidade do subministro e a saúde pública.
- Rede Natura 2000: cuestiónase a falta de estudos rigorosos sobre o impacto medioambiental no tramo do río Anllóns catalogado como Zona Especial de Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA).
- Riscos e seguridade: denúnciase que a planta prevé un funcionamento de 24 horas pero con longos períodos sen persoal físico nas instalacións, o que dificultaría a detección temperá de fugas, olores ou vertidos accidentais de substancias perigosas e residuos SANDACH.
- Modelo rural e infraestruturas: amósase o rexeitamento ao incremento sostido de tráfico pesado en vías locais non preparadas e ao impacto visual, acústico e de olores que ameaza o tecido socioeconómico e agrogandeiro da zona.
Paralelamente á mobilización veciñal, os servizos técnicos e xurídicos municipais están ultimando as alegacións institucionais do propio Concello de Carballo. Desde o goberno local estase a realizar unha análise exhaustiva e rigorosa do proxecto para esixir as máximas garantías ambientais, territoriais e urbanísticas.
Desde o goberno municipal dr Carballo faise un chamamento explícito á implicación de toda a cidadanía nesta recta final do prazo, xa que se trata dun procedemento de especial transcendencia para o futuro ambiental, socioeconómico e sanitario da comarca de Bergantiños.
Información práctica para a veciñanza
- Descarga do documento: dispoñible nun banner na parte inferior da portada da web municipal carballo.gal
- Prazo límite de presentación: martes, 26 de maio de 2026
- Onde presentar as alegacións: a través do rexistro xeral do Concello, sedes electrónicas ou calquera dos medios habilitados pola Lei do Procedemento Administrativo Común