O Concello de Carballo presentou un novo programa municipal de envellecemento activo

5 minutes read

No curso 2026-2027 amplía a súa oferta e, sobre todo, reforza a súa presenza no territorio co obxectivo de achegar as actividades ás persoas maiores vivan onde vivan.

A dimensión do programa está directamente relacionada coa realidade demográfica do municipio. En Carballo hai 10.731 persoas empadroadas maiores de 60 anos, case un terzo da poboación, un colectivo cada vez máis numeroso, activo e diverso e ao que o Concello pretende ofrecer recursos para favorecer a autonomía, as relacións sociais, a aprendizaxe e unha vida activa.

Na presentación participaron a concelleira de Terceira Idade, Mar Eirís; representantes das distintas áreas municipais implicadas no programa, e o alcalde, Daniel Pérez. Remocea é precisamente un exemplo de traballo transversal, xa que na súa organización participan as concellarías de Terceira Idade, Servizos Sociais e Igualdade, Deporte, Innovación, Formación e Emprego, Feiras e Mercados, e Mobilidade.

Mar Eirís salientou que o obxectivo é seguir facendo medrar o programa tanto en actividades como na súa implantación territorial. «Queremos que facerse maior en Carballo signifique seguir tendo oportunidades para aprender, para moverse, para relacionarse e para participar. E queremos que esas oportunidades cheguen tamén ás parroquias, porque o lugar no que viva unha persoa non pode ser unha barreira para participar», sinalou.

A concelleira incidiu tamén na necesidade de adaptar continuamente Remocea ás demandas dun colectivo moi heteroxéneo. «Non todas as persoas maiores queren nin necesitan o mesmo. Por iso presentamos unha programación cada vez máis diversa e flexible, na que teñen cabida desde a actividade física ou o traballo da memoria ata a informática, o uso do móbil, a formación, os obradoiros ou, simplemente, espazos para encontrarnos e compartir», engadiu.

Unha das principais novidades deste curso será a extensión dos talleres de memoria a todas as parroquias de Carballo nas que exista demanda suficiente para constituír un grupo.

A actividade desenvolverase de xaneiro a xuño, cunha sesión semanal dunha hora, e permitirá descentralizar unha das propostas especialmente vinculadas ao mantemento das capacidades cognitivas e á socialización.

Outra incorporación á programación é Corpo e Calma, unha actividade práctica de movemento consciente e autocoidado que se desenvolverá inicialmente cun único grupo en Carballo, no salón de actos do Pazo da Cultura. Esta primeira experiencia permitirá coñecer a demanda existente e valorar a súa evolución en próximas edicións. A actividade terá unha sesión semanal dunha hora entre outubro e maio.

Tamén cambia o modelo das actividades lúdico-formativas. Neste curso apostaranse por propostas máis especializadas e impartidas por profesionais de cada disciplina.

A oferta inicial inclúe macramé, coiro, cestaría, pequenos arranxos domésticos, reparacións domésticas de carpintaría, restauración e mantemento de mobiliario e arranxos florais.

Cada persoa poderá solicitar dúas actividades. A partir das preferencias expresadas nas inscricións, e tendo en conta a demanda existente, a dispoñibilidade dos e das profesionais e os recursos dispoñibles, organizaranse posteriormente os grupos nas parroquias. O obxectivo é adaptar a oferta aos intereses reais das persoas participantes e, ao mesmo tempo, garantir a calidade e viabilidade dos obradoiros.

Todas as actividades organizadas polo Concello son gratuítas, aínda que no caso destes obradoiros o alumnado deberá asumir o custo dos materiais necesarios.

Ademais, o Concello abre unha nova vía de colaboración co tecido asociativo para aquelas parroquias que queiran impulsar talleres de costura: as asociacións interesadas poderán contar coa cesión dunha máquina de coser profesional, ata fin de existencias.

Xunto ás novidades, Remocea mantén algunhas das propostas xa consolidadas. Entre elas están os bailes, que se celebrarán todos os domingos de setembro a xuño, de 18.00 a 21.00 horas, no mercado municipal e tamén en centros sociais, sempre con entrada libre e de balde.

Continúan tamén a Escola de Informática, de outubro a maio na Aula CeMIT; os cursos de teléfono móbil, que sumarán dez grupos no mercado municipal e nos centros sociais, e o programa de exercicio físico para maiores de 65 anos, que se desenvolverá de outubro a xuño no pavillón Vila de Noia e nos centros sociais.

Na primavera de 2027 regresarán tamén as andainas guiadas polas parroquias de Carballo, mentres que entre marzo e xuño se desenvolverá unha nova edición de MercaEscola, con charlas e talleres arredor do consumo, a saúde, o medio ambiente e os servizos públicos.

A programación complétase coa Universidade Sénior, organizada pola Universidade da Coruña, que se desenvolverá no Fórum Carballo durante os meses de outubro e novembro e que, neste caso, está aberta ás persoas maiores de 50 anos.

O alcalde, Daniel Pérez, destacou durante a presentación precisamente o carácter transversal da iniciativa: «Remocea non é o programa dunha única concellaría. Aquí traballamos xuntos desde Terceira Idade, Servizos Sociais, Deportes, Innovación, Feiras e Mercados ou Mobilidade porque o envellecemento activo afecta a moitos ámbitos da vida. Esa transversalidade permítenos ofrecer unha resposta moito máis completa ás necesidades das persoas maiores».

Daniel Pérez puxo en valor, ademais, o peso deste colectivo no municipio. «Máis de 10.700 carballeses e carballesas teñen máis de 60 anos. Estamos falando de practicamente unha de cada tres persoas que viven no noso concello. Remocea é unha maneira de entender as políticas para as persoas maiores: non só desde a atención cando aparece unha necesidade, senón desde a prevención, a autonomía, a participación e o dereito a seguir desfrutando e aprendendo en todas as etapas da vida», afirmou.

O prazo para inscribirse nas actividades de Remocea estará aberto do 28 de agosto ao 14 de setembro.

As follas de inscrición poden descargarse máis abaixo, e tamén estarán dispoñibles na entrada da casa do concello. Unha vez cubertas, deberán entregarse no servizo de Información, situado tamén na planta baixa do Concello de Carballo.

O Concello realizará ademais un buzoneo do folleto informativo polos domicilios do municipio. No caso de que non chegue a algunha vivenda, as persoas interesadas poderán recollelo directamente na casa do concello.

Con carácter xeral, Remocea está dirixido a persoas empadroadas no Concello de Carballo maiores de 60 anos, xubiladas e pensionistas, aínda que algunhas propostas teñen requisitos específicos de idade. As actividades contan con prazas limitadas, que se cubrirán por orde de solicitude.

Con esta nova edición, o Concello continúa ampliando unha programación que busca que envellecer activamente sexa tamén seguir formando parte da vida social de Carballo, con oportunidades para coidarse, aprender, relacionarse, descubrir novas afeccións e compartir experiencias tanto no centro urbano como nas parroquias.