O Concello de Carballo reforza a accesibilidade do seu litoral con zonas de sombra adaptadas en Razo e Pedra do Sal

2 minutes read

O Concello de Carballo dá un paso máis no seu compromiso cun turismo sostible, de máxima calidade e, sobre todo, inclusivo. Os areais de Razo e A Pedra do Sal contan dende esta tempada con novas zonas de sombra accesibles, deseñadas especificamente para que as persoas con mobilidade reducida ou necesidades especiais poidan gozar da praia cun confort óptimo e protexidas do sol directo.

​As novas instalacións consisten en estruturas modulares modernas que combinan funcionalidade co respecto pola paisaxe protexida do noso litoral:

  • Espazos de descanso adaptados: Equipadas con paneis laterais de celosía de madeira que axudan a filtrar a radiación solar sen frear o paso da brisa mariña.
  • Conexión sen barreiras: Están directamente conectadas coas novas pasarelas de madeira enrollables, facilitando que cadeiras de rodas, carriños de bebé ou persoas con dificultades para camiñar sobre a area poidan acceder a elas de forma autónoma e cómoda dende os accesos principais.
  • Sinalización intelixente: As estruturas contan co Símbolo Internacional de Accesibilidade (SIA) en formato visible desde o exterior, facilitando a súa identificación e garantindo o seu uso prioritario.

“A nosa prioridade é que as praias de Carballo, recoñecidas pola calidade das súas augas e a súa riqueza natural, sexan de verdade para todas e todos. Con estas novas zonas de sombra e o resto de melloras na accesibilidade, eliminamos barreiras físicas para asegurar que calquera persoa poida gozar da nosa costa en igualdade de condicións”, sinala o concelleiro de Praias, Miguel Vales.

​Estas novas zonas de sombra non son unha mellora illada, senón que forman parte dun plan global de acondicionamento que o goberno local desenvolve cada verán. O obxectivo é manter os máximos estándares de calidade que outorgan ás nosas praias a prestixiosa Bandeira Azul e as dobres certificacións ambientais ISO 14001 e EMAS.

​Con estas intervencións, Carballo afianza a súa posición como un destino punteiro na Costa da Morte, onde o respecto ao medio ambiente e a accesibilidade universal van da man