O Concello de Ponteceso mantivo unha reunión co ecónomo do Arcebispado de Santiago para pechar a cesión da Casa Reitoral de Corme ao Concello, nun encontro no que estiveron presentes o alcalde, José Manuel Mato, o tenente de alcalde, Constantino Fernández, o párroco de Pazos, Don Manuel García, e representantes do Arcebispado.
Esta cesión supón un paso fundamental para que o Concello poida optar á creación dunha nova Casa do Maior en Corme, un proxecto destinado a reforzar os servizos de atención e coidado das persoas maiores da localidade. Para chegar a este acordo foron necesarias varias reunións de traballo co equipo do Arcebispado de Santiago, nas que participaron activamente os párrocos Don Manuel García e Don José Manuel Varela, cuxa colaboración resultou determinante para avanzar nesta iniciativa.
A disposición dun inmoble adecuado era un dos requisitos imprescindibles para poder presentar a candidatura cando se publique a correspondente convocatoria. Con esta cesión, o Concello entra xa nunha segunda fase do proceso, abríndose a vía para que Corme poida converterse en candidato a albergar unha nova Casa do Maior.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou a importancia deste avance e agradeceu a colaboración de todas as partes implicadas: “Este acordo representa un paso moi importante para ter a posibilidade de seguir ampliando os servizos destinados ás persoas maiores do noso concello. Quero agradecer sinceramente a disposición do Arcebispado de Santiago e o compromiso mostrado por Don Manuel García e Don José Manuel Varela durante todo o proceso”.
Mato subliñou tamén que “dispor da Casa Reitoral de Corme permítenos cumprir cun dos requisitos fundamentais para optar a esta nova Casa do Maior. Agora ábrese unha nova etapa na que seguiremos traballando para que Corme conte con este recurso tan necesario para a veciñanza”.
Finalmente, o rexedor amosouse optimista sobre as posibilidades do proxecto: “Estamos convencidos de que Corme reúne as condicións necesarias para acoller este servizo e imos defender esta candidatura con toda a firmeza cando se abra a convocatoria correspondente”.