O Concello de Ponteceso remitirá preto de 5.000 cartas para reforzar a prevención fronte aos incendios forestais

1 minutes read

O Concello de Ponteceso vén de poñer en marcha unha ampla campaña informativa para reforzar a prevención fronte aos incendios forestais mediante o envío de preto de 5.000 cartas aos titulares e posibles responsables de parcelas afectadas polas obrigas legais de limpeza, mantemento e xestión da biomasa vexetal.

A través desta actuación, o Concello lembra á veciñanza que o prazo xeral para executar estes traballos remata o vindeiro 31 de maio de 2026, especialmente no caso das parcelas situadas dentro das faixas secundarias de xestión da biomasa, así como en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou que “a prevención dos incendios forestais é unha responsabilidade compartida. Desde o Concello queremos actuar con tempo, facilitar información á veciñanza e favorecer que todas as persoas poidan cumprir coas súas obrigas antes da época de maior risco”.

Desde o goberno municipal subliñan que esta campaña ten un carácter fundamentalmente preventivo e informativo, co obxectivo de reforzar a seguridade das persoas, das vivendas, das infraestruturas e dos núcleos de poboación do municipio.

O Concello de Ponteceso agradece a colaboración da veciñanza e lembra que manter as parcelas en bo estado é unha medida esencial para protexer o territorio e contribuír á redución do risco de incendios forestais no termo municipal.