Tras unha nota difundida polo PSdeG-PSOE de Zas respecto ao permiso de investigación mineira ‘Jorge Reyes’ na zona de Fornelos, o Concello de Zas considera necesario realizar as seguintes aclaracións co obxectivo de evitar confusións e garantir unha información rigorosa á veciñanza.
En primeiro lugar, o Concello reitera que o expediente ao que se fai referencia corresponde a unha fase de investigación mineira, tal e como consta na publicación oficial do Diario Oficial de Galicia (DOG), e non a unha concesión de explotación.
Así mesmo, cómpre insistir en que a tramitación, avaliación e resolución deste tipo de permisos é competencia exclusiva da Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia mineira. O Concello non participa na súa autorización nin dispón da capacidade de modificala ou resolvela.
En relación coa solicitude de información rexistrada polo grupo municipal do PSdeG-PSOE de Zas, o Concello aclara que dita petición se produce con posterioridade á difusión pública do asunto nos medios de comunicación, o que contribuíu a xerar interese e preocupación na veciñanza. En todo caso, o Concello atenderá e responderá ás cuestións que sexan da súa competencia, dentro dos límites legais do procedemento e da información dispoñible.
O Goberno municipal quere deixar claro que, desde o momento da publicación no DOG, estase a facer seguimento do expediente e recompilando información técnica, co obxectivo de coñecer con precisión o alcance da actuación prevista.
Neste sentido, o Concello xa conta con documentación cartográfica que permite identificar a área afectada na zona de Fornelos, e está a traballar para que esta información poida ser explicada con claridade á veciñanza.
Hoxe mesmo está prevista unha reunión co presidente da Asociación de Veciños ‘A Fonte’ de Fornelos, no marco do traballo de contacto directo coa cidadanía. No caso de considerarse oportuno, valorarase a convocatoria dunha reunión informativa aberta á veciñanza, co obxectivo de explicar a situación con transparencia e resolver dúbidas.
O Concello de Zas lamenta a confusión xerada arredor deste asunto e lembra que a publicación no DOG responde a un procedemento administrativo regulado, que non implica autorización de explotación nin actuación inmediata no territorio.
Por todo isto, o Goberno local considera importante que a información sexa tratada con rigor e que as consultas sobre o procedemento sexan dirixidas á administración competente, isto é, a Xunta de Galicia, responsable da súa tramitación.
O Concello continuará a traballar con responsabilidade, discreción e transparencia, poñendo a disposición da veciñanza toda a información que legalmente poida ser compartida e mantendo a súa interlocución directa co tecido veciñal do municipio.