O Concello de Zas organiza o próximo 13 de agosto, xoves, unha actividade que xa é un clásico dentro da programación do verán na Costa da Morte. Esta actividade ‘Mirada ao firmamento dende o pasado’, é unha proposta que une patrimonio arqueolóxico e divulgación científica a través dunha experiencia de observación astronómica nun dos espazos máis emblemáticos do municipio: o Dolmen da Arca da Piosa.
A actividade estará guiada polo prestixioso divulgador científico Jorge Mira e dará comezo ás 22:00 horas, con saída desde Santa Sía de Roma. Desde alí, as persoas participantes realizarán unha camiñada duns dous quilómetros, de dificultade baixa, ata chegar ao dolmen, onde se desenvolverá a sesión de observación e interpretación do ceo nocturno. Ao remate da mesma, no espazo do dolmen, haberá un espectáculo teatral e de luces.
A iniciativa busca achegar á veciñanza e ás persoas visitantes unha nova forma de descubrir o patrimonio local, poñendo en valor a relación entre os monumentos megalíticos e a observación dos astros, ao tempo que ofrece unha experiencia divulgativa nun contorno natural de gran beleza.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destaca que «esta actividade permítenos descubrir o noso patrimonio desde unha perspectiva diferente, combinando historia, ciencia e natureza nun escenario tan singular como a Arca da Piosa». Ademais, sinala que «contar cun divulgador do prestixio de Jorge Mira, que ademáis é veciño, é unha oportunidade magnífica para achegar a astronomía a todos os públicos e seguir promovendo iniciativas que poñan en valor os recursos culturais e paisaxísticos do noso concello».
Desde a organización recoméndase ás persoas asistentes levar roupa de abrigo, lanterna e unha manta para deitarse, co fin de gozar da observación nas mellores condicións.
A participación é gratuíta, pero require inscrición previa, que poderá realizarse a través do formulario en liña dispoñible na páxina web do Concello de Zas ou chamando ao teléfono 981 751 398.