O Concello de Zas destaca o bo funcionamento da Galiña Azul e pon en valor o traballo do seu persoal

1 minutes read

O Concello de Zas quere poñer en valor o traballo que se desenvolve diariamente na Galiña Azul. Desde o Concello quere trasladarse que non existe ningún problema estrutural nin un mal funcionamento do servizo. As únicas incidencias producidas nas últimas semanas responden a cuestións puntuais derivadas da organización interna habitual en períodos vacacionais ou de baixas temporais dalgúns membros do persoal, situacións que se resolven conforme aos protocolos establecidos e sen afectar á calidade da atención que reciben os nenos e nenas.

O Goberno municipal quere tamén expresar o seu apoio e recoñecemento ao persoal da escola infantil, destacando a súa profesionalidade, implicación e calidade humana. Estase a falar dun equipo de traballo comprometido co benestar dos nenos e nenas e coa atención ás familias, que realiza un excelente traballo todos os días.

A Galiña Azul de Zas é, ademais, un centro de referencia na Costa da Morte, sendo un dos mellores da comarca, tanto polas súas modernas instalacións como pola calidade do servizo educativo e asistencial que presta. O Concello considera importante poñer en valor un recurso fundamental para a conciliación familiar e laboral, que conta cun funcionamento plenamente normalizado.