O Concello de Zas deu a coñecer o importe da Beca da Filloa 2026, unha axuda de estudos destinada a apoiar a un ou unha estudante empadroado/a no municipio. O importe da beca ascende este ano a 1.459 euros, unha cantidade que se corresponde coa recadación obtida a través dunha parte das inscricións da pasada edición do IX Trail da Filloa, celebrado o pasado mes de febreiro.
Esta iniciativa naceu dunha proposta impulsada pola Asociación Monte Brondo e o Concello de Zas, ambos coorganizadores da citada proba deportiva.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, e o presidente da Asociación Monte Brondo, David Fernández Blanco, presentaron esta nova edición da beca e deron a coñecer o importe que recibirá a persoa beneficiaria.
A persoa beneficiaria será seleccionada de forma confidencial en base aos informes elaborados polo departamento de Servizos Sociais do Concello, co obxectivo de apoiar ás familias e estudantes que máis o precisan.
Durante a presentación, o alcalde destacou “o importante valor social e solidario que ten esta iniciativa, xa que converte unha proba deportiva moi consolidada no municipio nunha oportunidade real de apoio á educación e á igualdade de oportunidades”.
Muíño tamén agradeceu “a implicación da Asociación Monte Brondo, das persoas participantes e de toda a veciñanza, que fai posible que cada edición do Trail da Filloa teña tamén este impacto positivo a nivel social”.