Trátase dunha nova actuación encamiñada á conservación e posta en valor dun dos conxuntos arqueolóxicos máis relevantes de Galicia.
Con esta intervención, o investimento municipal destinado ao patrimonio arqueolóxico de Brandomil supera xa os 100.000 euros, unha cifra que inclúe tanto estas obras de consolidación como o financiamento das diferentes campañas de escavación desenvolvidas no xacemento romano de Pedra do Altar.
As escavacións, financiadas polo Concello de Zas, permitiron sacar á luz os vestixios dun importante asentamento romano no que destaca unha posible domus de época altoimperial, datada entre os séculos I e II da nosa era.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destaca que «o patrimonio histórico é unha das grandes riquezas do noso municipio e temos a responsabilidade de conservalo e poñelo en valor para as xeracións futuras». Neste sentido, subliña que «o esforzo económico realizado polo Concello demostra o compromiso decidido con Brandomil e coa recuperación dun legado arqueolóxico de enorme importancia, tanto desde o punto de vista histórico como cultural e turístico».
Muíño sinala ademais que «cada actuación que levamos a cabo permite avanzar no coñecemento da nosa historia, polo que seguiremos apostando por impulsar proxectos que contribúan á protección, investigación e divulgación deste excepcional patrimonio».
As obras de consolidación da calzada romana permitirán garantir a conservación deste elemento patrimonial e complementar o traballo desenvolvido nos últimos anos no conxunto arqueolóxico.