O Concello de Zas ofrece unha ampla programación de actividades para este verán

4 minutes read

O Concello de Zas presenta a súa programación de actividades para o verán 2026, unha completa oferta de propostas dirixidas a nenos, nenas, mocidade, persoas adultas e familias co obxectivo de promover un lecer saudable, accesible e participativo durante os meses de xullo e agosto.

A iniciativa responde á aposta do Goberno municipal por ofrecer alternativas de calidade durante o período estival, contribuíndo á conciliación da vida familiar e laboral e garantindo que veciños e veciñas de todas as idades poidan gozar dun verán activo sen saír do municipio.

“O noso obxectivo é que todas as persoas teñan oportunidades para desfrutar do verán en Zas. Traballamos para ofrecer unha programación diversa, accesible e pensada para diferentes públicos, que permita ás familias conciliar e que, ao mesmo tempo, dinamice os nosos espazos públicos e o noso patrimonio”, sinala o alcalde de Zas, Manuel Muíño.

Programación completa

 A programación dará comezo o venres 3 de xullo no Coto de Baio coa ‘Escola de Pesca’ dirixida por David Arcay, destinada a menores de idade sen licenza de pesca. A actividade celebrarase a partir das 10:00 horas e requirirá inscrición previa.

Ao día seguinte, o sábado 4 de xullo, a cativada poderá desfrutar dunha gran Festa Infantil no campo de fútbol e na piscina municipal de Zas. A partir das 16:00 horas haberá inchables, tobogáns acuáticos, festa da escuma e numerosas actividades lúdicas. Tamén esa xornada terá lugar unha nova edición de ‘Música nas Torres’, coa actuación de Boroa nas Torres do Allo desde as 20:00 horas, nunha proposta dirixida ao público familiar e xeral.

As Torres do Allo volverán converterse nun dos principais escenarios culturais do verán co ‘Café concerto’ da Aula de Cámara Airas Nunes, programado para o sábado 11 de xullo ás 19:00 horas.

Ese mesmo día arrancarán tamén as ‘Andainas de Verán’, unha actividade que se repetirá os días 18 de xullo e 1 de agosto. Todas as rutas contarán con inscrición previa obrigatoria.

O sábado 18 de xullo celebrarase ademais o ‘Concerto na Ponte’, coa actuación de Lorelia na Ponte de Brandomil a partir das 22:00 horas. Ao día seguinte, o domingo 19 de xullo, terá lugar o ‘Día da Bici’, con saída ás 10:30 horas desde a Praza do Concello. Será obrigatorio o uso do casco e a inscrición previa.

Entre o 20 e o 31 de xullo desenvolverase unha nova edición do ‘Urban Camp’, unha proposta destinada a nenos e nenas nados entre os anos 2010 e 2014. O programa inclúe dinámicas de grupo, xogos, danza, parkour e outras actividades de lecer activo. Celebrarase no Centro Sociocultural de Zas, de 10:00 a 14:00 horas, cun prezo de 10 euros e inscrición obrigatoria.

Aposta pola cultura e polo patrimonio

Do 3 ao 7 de agosto celebrarase a ‘Semana Cultural’, que incluirá música, monólogos, cinema, exposicións e obradoiros para diferentes públicos. A programación continuará o 13 de agosto coa actividade ‘Observación Astronómica’, guiada por Jorge Mira, cunha andaina nocturna de aproximadamente dous quilómetros. A saída está prevista para as 22:00 horas e será necesaria inscrición previa.

O 19 de agosto realizarase unha excursión ao Aquapark destinada a nenos e nenas nados entre os anos 2008 e 2017. O prezo será de 10 euros e incluirá o transporte, con saída ás 10:00 horas desde Zas e ás 10:15 horas desde Baio.

O deporte volverá ter un papel destacado o sábado 29 de agosto coa celebración do ‘Trail Nocturno Cova do Lobo’, que contará con modalidades de trail nocturno, pequetrail e andaina nocturna. As inscricións estarán dispoñibles a través da web de empa-t.

A programación pecharase o domingo 30 de agosto cunha intensa xornada de actividades. As Torres do Allo acollerán o ‘Mercado de San Ramón’, que incluirá unha sesión vermú amenizada pola Charanga Benofan e un concerto infantil a cargo de Brais das Hortas. Ese mesmo día disputarase tamén a 35ª edición do ‘Trofeo de Fútbol Concello de Zas’ no Campo Municipal San Andrés, a partir das 18:00 horas.

Ademais destas propostas, durante todo o verán desenvolveranse os Cursos de Natación nas piscinas municipais, dirixidos a todas as idades. As actividades serán gratuítas para as persoas que dispoñan do carné da piscina e requirirán inscrición previa.

Do mesmo xeito, as Torres do Allo manterán unha programación estable durante os meses de xullo e agosto con iniciativas como as ‘Visitas Teatralizadas’, o ‘Escape Room do Allo’ e a exposición temporal ‘Zas en Romaría’, reforzando así o papel deste espazo patrimonial como un dos grandes referentes culturais do municipio.

As persoas interesadas en obter máis información ou formalizar as inscricións poden contactar co Concello de Zas a través do teléfono 981 751 398.