O Concello de Zas oponse á decisión do INE de fusionar as mesas electorais de Muíño e Pudenza

2 minutes read

O Concello de Zas oponse á decisión do Instituto Nacional de Estatística (INE) de fusionar as mesas electorais da parroquia de Muíño e a localidade de Pudenza de cara ás eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro, o que suporía a desaparición da primeira. Este escenario vén provocado pola cifra de electores (190), que non acada o mínimo de 200 que esixe a Lei 5/1985, do 19 de xuño, Orgánica do Réxime Electoral Xeral.

O Responsable do Censo Electoral e do Padrón do INE trasladoulle ao Concello o pasado luns a necesidade de formular unha proposta para solucionar esta situación. Dende o Executivo local manifestan o coñecemento da normativa vixente, mais destacan que a diferenza é de apenas 10 persoas e que isto, nun municipio de menos de 5.000 habitantes, moi envellecido e eminentemente rural, podería condicionar o acceso ao voto da veciñanza.

Manuel Muíño, alcalde de Zas, asegura nun comunicado remitido ao INE que “a poboación do Concello, e de toda Galicia, é moi dispersa e as comunicacións dispoñen dunha infraestrutura viaria difícil, tanto pola súa orografía como polas condicións meteorolóxicas que se agardan na data das eleccións, dificultando o transporte dos colectivos de maior idade”. O rexedor engade que “de eliminarse a mesa, aumentaría a abstención”.

Segundo explica Muíño, “a lei está feita para toda España, pero non é o mesmo, evidentemente, o Concello de Madrid que o de Zas”. “A normativa non está pensada para os concellos pequenos nin para os concellos galegos”, apunta.

Dende o Goberno local defenden “o dereito ao voto e o acceso ás urnas como piar esencial do sistema democrático existente no noso Estado de Dereito” e propoñen “o mantemento nas vindeiras eleccións de todas as mesas existentes na última xornada electoral, evitando a súa fusión”.

Por último, advirten de que esgotarán “todas as medidas legais que se estimen oportunas” para manter as mesas de Muíño e Pudenza.