No Concello de Zas presentouse este xoves a décima edición do Trail da Filloa, que se celebrará o domingo 7 de febreiro do próximo ano. A proba, organizada polo Concello de Zas e pola AD Monte Brondo, alcanza os dez anos de traxectoria cunha participación que foi medrando edición tras edición e cunha presenza consolidada no calendario deportivo de Galicia.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou a importancia que acadou esta cita deportiva ao longo da última década e a colaboración entre as dúas entidades organizadoras, explicando que “xa son dez anos nos que Zas se converte no epicentro non só da Costa da Morte, senón tamén de Galicia no ámbito das carreiras pedestres. O traballo conxunto de Monte Brondo e o Concello na organización desta proba é moi importante para que o municipio sexa un referente neste tipo de carreiras”, sinalou.
Muíño tamén puxo o acento no carácter diferencial da cita, que combina deporte e gastronomía, sublimando que “isto non é só correr, tamén hai que comer despois. As filloas que se reparten ao rematar son unha parte fundamental e un dos elementos que fan diferente este trail”.
Nesta edición haberá cinco modalidades para adaptarse a diferentes niveis e preferencias: trail longo, de 24 quilómetros; trail curto, de 18 quilómetros; trailiño, de 13 quilómetros; andaina longa, de 25 quilómetros; e andaina curta, de 15 quilómetros. Os percorridos discorrerán polos montes do municipio e terán como algúns dos seus puntos máis destacados os ascensos ao Monte Brondo e ao Pico de Meda, o punto máis elevado do Concello de Zas. Ademais, as persoas participantes poderán descubrir diferentes ribeiras de ríos, carballeiras e soutos, incluíndo algúns dos espazos naturais menos coñecidos da zona.
David Fernández, presidente da AD Monte Brondo, amosouse satisfeito coa evolución da proba e coa resposta das persoas participantes nestes dez anos, apuntando que “estamos moi contentos de que o trail funcione tan ben e de que cada ano haxa máis xente. Nesta edición quixemos introducir algúns cambios nos percorridos para que as persoas participantes poidan descubrir novos lugares, como o Pico de Meda, unha das grandes novidades deste ano”, explicou.
Fernández tamén destacou que as dúas andainas sairán por primeira vez desde Baio para rematar en Zas e avanzou que se manterán iniciativas como a Beca do Trail da Filloa. Ademais, con motivo do aniversario, entregarase unha camiseta conmemorativa e realizaranse diferentes sorteos a través das redes sociais. O representante de Monte Brondo tamén quixo agradecer a colaboración do voluntariado, “porque grazas a todas esas persoas que nos axudan cada ano este trail está onde está”.
Cinco modalidades para descubrir os montes de Zas
As modalidades de trail terán a saída na Praza do Concello de Zas e a chegada no Pavillón Polideportivo municipal. O trail longo comezará ás 9:00 horas, o curto ás 9:45 horas e o trailiño ás 10:30 horas. Pola súa banda, as dúas andainas sairán da Praza Jorge Mira de Baio, ás 9:30 horas a longa e ás 10:00 horas a curta. Para facilitar os desprazamentos, a organización habilitará un servizo de autobuses desde a explanada do Centro Sociocultural de Zas ata o punto de saída.
As inscricións están abertas ata o 2 de febreiro a través da páxina web www.empa-t.com. Os prezos varían segundo a modalidade e a data de inscrición. As prazas son limitadas en todas as modalidades.
A proba contará con categorías absoluta masculina e feminina, así como Veteranos A, para participantes de entre 40 e 49 anos, e Veteranos B, para maiores de 50 anos. Haberá recoñecementos para as tres primeiras persoas clasificadas nas categorías absolutas. Para participar nas modalidades de trail será necesario ter cumpridos os 16 anos, mentres que nas andainas poderán participar menores de idade acompañados dunha persoa adulta e coa correspondente autorización dos seus titores legais.
