O Concello de Zas reforza a súa aposta pola conciliación e o lecer infantil cun amplo programa para este verán

2 minutes read

O Concello de Zas reafirma un ano máis o seu compromiso co benestar das familias e coa promoción de alternativas de ocio educativo e saudable para a infancia e a mocidade, a través dun completo programa de actividades de verán que combina propostas lúdicas, deportivas e formativas pensadas para facilitar tamén a conciliación da vida laboral e familiar durante o período vacacional.

Dentro desta programación inclúense tres iniciativas principais: os Campamentos de Verán municipais, o Depor Campus Zas e o Campamento Multideportivo, co obxectivo de ofrecer á veciñanza diferentes opcións.

Os Campamentos de Verán do Concello de Zas están dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e desenvolveranse en cinco quendas entre o 22 de xuño e o 28 de agosto nas Torres do Allo. A programación combina actividades educativas, culturais e de lecer, en horario de 10:00 a 14:00 horas, cun prezo de 15 euros por quenda. Ademais, habilítase un servizo de madrugadores desde as 8:45 horas cun custo adicional de 10 euros por quenda, co fin de adaptarse ás necesidades das familias. As prazas son limitadas e o prazo de inscrición estará aberto ata o 17 de xuño.

O Depor Campus Zas celebrarase entre o 20 e o 24 de xullo no campo municipal Platas Reinoso e está dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos. Esta actividade ofrece unha experiencia deportiva centrada no fútbol da man do Deportivo da Coruña, combinando formación técnica, convivencia e diversión. As inscricións permanecerán abertas ata o 14 de xullo a través da páxina web oficial do campus, e os xogadores e xogadoras do CD Concello de Zas poderán beneficiarse de descontos especiais.

Por último, o Campamento Multideportivo está destinado a mozos e mozas de entre 8 e 14 anos e desenvolverase en dúas quendas, do 20 ao 24 e do 27 ao 31 de xullo, nos polideportivos de Baio e Zas. Ao longo destas xornadas, os participantes poderán desfrutar de xincanas, xogos, torneos e múltiples actividades deportivas, cun prezo de 15 euros e inscricións abertas ata o 15 de xullo.

Para máis información ou para formalizar as inscricións nos Campamentos de Verán e no Campamento Multideportivo, as persoas interesadas poden contactar co Centro Sociocultural de Zas no teléfono 981 751 398, mentres que no caso do Depor Campus Zas as inscricións deberán realizarse a través da páxina web oficial da organización.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, sinala que “a conciliación familiar é unha das prioridades deste Goberno e por iso facemos un esforzo moi importante cada ano para ofrecer alternativas atractivas, seguras e accesibles para as familias durante os meses de verán”.

O rexedor engade que “detrás de cada campamento hai un importante traballo de organización e unha clara vontade de seguir ampliando servizos que melloren o día a día da veciñanza. Queremos que as familias teñan recursos para conciliar e que os nenos e nenas poidan aproveitar o verán aprendendo, facendo deporte e compartindo experiencias”.