O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reiterou este martes o reforzo da atención sanitaria na comarca de Bergantiños que realiza a Xunta coa integración da Unidade de condutas adictivas na sanidade pública e co impulso dun Centro Integral de Saúde con 12 millóns de euros de investimento.
Así o apuntou o titular da carteira sanitaria da Xunta durante a visita á Unidade de condutas adictivas de Carballo, na que estivo acompañado polo alcalde da vila, Daniel Pérez, pola secretaria xeral da Consellería, Natalia Lobato, polo xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, e pola subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz.
Gómez Caamaño lembrou que desde o 1 de xaneiro deste ano as unidades municipais de atención ás drogodependencias de Galicia pasaron a formar parte da estrutura do Servizo Galego de Saúde. Para facelo posible, o Goberno galego destina máis de 4,8 millóns de euros ao financiamento das 13 entidades, que atenden a máis de 7.000 pacientes ao ano.
O conselleiro de Sanidade valorou a integración destas unidades no Sergas como un paso importante para reforzar a coordinación, a estabilidade e a capacidade asistencial destas unidades, en beneficio dos pacientes.
En particular, no caso da unidade de Carballo, o dispositivo asistencial dá cobertura a preto de 100.000 habitantes das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra.
Gómez Caamaño mencionou que só en 2025 foron atendidas 558 persoas e chamou a atención sobre as adiccións máis frecuentes, aquelas relacionadas co consumo de heroína, alcohol e, “de forma especialmente preocupante pola súa incidencia crecente, a cocaína”.
O conselleiro de Sanidade sinalou tamén o alto nivel de complexidade clínica dos pacientes, dado que un 75 % presentan trastornos mentais asociados ás adiccións polo que requiren un seguimento especializado e coordinado de forma permanente con outros dispositivos sanitarios.
“Todo isto evidencia o enorme valor sanitario e humano do traballo que realizan diariamente as profesionais desta Unidade de condutas aditivas, ás que quero agradecer expresamente o seu traballo”, recoñeceu Gómez Caamaño á súa chegada ao centro.
A unidade desenvolve tamén intervencións sociais con colectivos especialmente vulnerables e programas específicos para adiccións comportamentais sen substancia. Neste sentido, o conselleiro de Sanidade fixo referencia ao esforzo da Xunta na prevención de distintos tipos de adiccións a través da Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas.
Novo Centro Integral de Saúde
Gómez Caamaño mencionou outras melloras na atención sanitaria que está a impulsar a Xunta en Carballo e referiuse, en concreto, ao futuro Centro Integral de Saúde de Bergantiños.
A pasada semana, o Consello da Xunta aceptou o terreo cedido polo Concello para que o Servizo Galego de Saúde constrúa un novo centro que permita ampliar espazos en máis de 1.800 metros cadrados con respecto ao actual e así incorporar novos servizos.
Entre outras melloras, o conselleiro de Sanidade subliñou a creación dunha unidade de diálise con 25 postos, evitando que moitos pacientes de Carballo e doutros concellos da comarca teñan que desprazarse regularmente á Coruña para recibir tratamento.
A Xunta ten previsto investir arredor de 12 millóns de euros para executar un centro de saúde de vangarda, máis amplo, moderno, accesible e con máis servizos.