O GALP Costa da Morte incorpora ao seu territorio unha nova experiencia de turismo mariñeiro

2 minutes read

Desenvolvida no marco de Mar e Rías: Pesca & Turismo, é un proxecto de cooperación no que participan os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia.

Trátase de “Camariñas, unha vila que vive do mar”, unha proposta protagonizada por María Jacqueline Lista Fateira, mariscadora de Camariñas, que acompañará aos participantes nun percorrido polo porto para descubrir de preto a actividade marítimo-pesqueira da localidade e a estreita relación que mantén coa vida da vila.

A experiencia desenvolverase o venres 18 de setembro, de 11:00 a 12:30 horas, con punto de encontro na estatua da Danza de Arcos, no paseo marítimo de Camariñas. Ao longo do percorrido, María Jacqueline achegará aos participantes aos diferentes oficios vinculados ao mar e explicará como se desenvolve o traballo dos profesionais que cada día saen ao mar.

A ruta permitirá coñecer os distintos tipos de embarcacións presentes no porto, desde as dedicadas ás artes menores ata os barcos de cerco, así como diferentes artes de pesca, entre elas as tradicionais nasas. Tamén se abordarán as especies que se capturan con cada unha delas e as particularidades do traballo no mar, achegando unha visión práctica baseada no coñecemento dunha profesional que desenvolve a súa actividade no territorio.

A proposta permitirá descubrir así unha parte da realidade pesqueira de Camariñas que habitualmente queda fóra da mirada de quen visita a vila. Máis alá de coñecer embarcacións e artes de pesca, o percorrido pretende achegar aos participantes ás persoas, aos coñecementos e ás formas de traballo que dan vida ao porto e que forman parte da identidade mariñeira da localidade.

A visita finalizará na lonxa de Camariñas, onde os participantes poderán coñecer o percorrido que realizan o peixe e o marisco desde a súa chegada a porto ata a súa comercialización. Deste xeito, a experiencia permitirá completar o percorrido pola actividade pesqueira e comprender o papel que desempeñan os diferentes profesionais e infraestruturas ao longo do proceso.

“Camariñas, unha vila que vive do mar” nace das accións formativas desenvolvidas ao abeiro de Mar e Rías: Pesca & Turismo e permite levar á práctica os coñecementos adquiridos durante a formación, converténdoos nunha experiencia vinculada directamente aos recursos e aos profesionais do territorio.

No caso do GALP Costa da Morte, a iniciativa contribúe a poñer en valor o patrimonio marítimo-pesqueiro de Camariñas e a dar visibilidade aos oficios que continúan formando parte da vida da vila, ao tempo que explora novas formas de achegar este patrimonio á sociedade a través do turismo mariñeiro.

A actividade é gratuíta e as persoas interesadas en participar poden realizar a súa inscrición no teléfono 618 320 033.

Mar e Rías: Pesca & Turismo, froito da cooperación dos oito GALP galegos, continúa así impulsando experiencias deseñadas desde os propios territorios e protagonizadas por persoas vinculadas ao sector, permitindo coñecer o litoral galego a través dos seus oficios, dos seus recursos e dos coñecementos que se transmiten de xeración en xeración.