O Goberno local elevará ao Pleno ordinario que se celebrará o xoves da semana que vén (día 30 de xullo) a proposta de aprobación dun suplemento de crédito por importe de 1.063.242,49 euros a financiar con cargo ao remanente de tesourería co obxectivo de destinar eses recursos á execución de investimentos financeiramente sustentables. Este foi un dos asuntos abordados nas Comisións Informativas celebradas como paso previo á sesión plenaria.
Os proxectos e iniciativas a financiar con ditos fondos inclúen a renovación da iluminación pública no paseo marítimo de Caión, a expropiación dos terreos afectados polo Plan Especial do Igrexario de Lestón que transformará o entorno da igrexa de San Martiño, a reforma do almacén do campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco e unha serie de melloras en infraestruturas viarias nas parroquias de Cabovilaño (núcleo de Oldán), Torás (núcleo da Barreira e no casco urbano da Laracha, Avenida Manuel Fraga e rúas Isaac Díaz Pardo, Mestre Baldomero Fraile, Luís Martínez e A Telleira), Lendo (núcleo de Bastón), Vilaño (estrada de Marfulo á Piña e núcleos de Vilanova, Fornelos e Fragunde), Lestón (núcleo da Grela e rúa Carballo Calero de Paiosaco) e Soandres (núcleos da Millarada e Vista Alegre).
Outro dos asuntos ditaminados en Comisión Informativa foi a proposta de modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT), cuestión que se enmarca na potestade organizativa do Concello para adaptar a súa estrutura ás necesidades actuais dos servizos municipais e garantir unha prestación máis eficiente á cidadanía.
Entre as novidades máis relevantes figura a incorporación dun organigrama municipal que define a estrutura organizativa do Concello, distribuída en áreas funcionais, servizos, unidades e postos de traballo, ofrecendo unha visión actualizada da organización interna da administración local. A proposta contempla, ademais, a posibilidade de que determinados postos poidan ser desempeñados indistintamente por persoal laboral fixo ou funcionario de carreira como paso previo aos futuros procesos de funcionarización, así como a valoración dos postos de nova creación mediante o correspondente sistema de complementos de destino e específicos.
De maneira paralela, tamén se propón a modificación parcial do cadro de persoal para incorporar as sete prazas que contan con dotación orzamentaria no exercicio 2026. As restantes incorporacións previstas -ata un total de 19- realizaranse de forma progresiva nos vindeiros exercicios en función das necesidades organizativas, da dispoñibilidade orzamentaria e da normativa aplicable. Así mesmo, ao longo de 2026 desenvolveranse os procesos de promoción interna previstos na RPT e, durante o ano 2027, avanzarase nos procesos de funcionarización do persoal laboral fixo contemplados na proposta. Por último, ditaminouse a proposta de designación dos dous festivos locais para o ano 2027, que serán, como é habitual no concello da Laracha, o Martes de Entroido (9 de febreiro) e o Día dos Milagres de Carión (8 de setembro).