O goberno local elevará ao vindeiro Pleno a proposta de aprobación dun suplemento de crédito e dun crédito extraordinario que se financiarían con cargo ao remanente líquido de tesourería para gastos xerais resultante do peche do exercicio económico 2025. De recibir o respaldo da Corporación municipal, esta medida permitirá incorporar aos orzamentos municipais preto de 1,4 millóns de euros que se destinarían á execución de diferentes proxectos de mellora de infraestruturas e equipamentos municipais.
A principal partida, superior aos 850.000 euros, estaría orientada á mellora da rede viaria mediante a execución de actuacións en diferentes puntos do termo municipal. En concreto, prevese intervir na estrada da Millarada a Vista Alegre (parroquia de Soandres), en Oldán e na Telleira (Cabovilaño); en Marfulo e na estrada de Fragunde a Vilanova pasando por Fornelos (Vilaño); na Grela, na estrada do Cruceiro á Porta Santa e na rúa Carballo Calero de Paiosaco (Lestón); na Barreira (Torás); en Bastón (Lendo); e nas rúas Baldomero Fraile e Luis Martínez e na avenida Manuel Fraga da Laracha.
Outro dos investimentos máis destacados sería o proxecto de renovación da cuberta e das bancadas do pavillón polideportivo do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, ao que se destinarían aproximadamente 250.000 euros. A actuación permitiría mellorar o estado destas instalacións deportivas municipais e reforzar as súas condicións de uso, tanto por parte da comunidade educativa do colexio como tamén dos veciños en xeral que alugan as instalacións para a práctica deportiva.
Ademais, contémplase outro investimento duns 180.000 euros para acometer melloras na iluminación pública no paseo marítimo e na praza Eduardo Vila Fano de Caión; praza Anselmo Graiño que alberga a igrexa parroquial de Torás na capital municipal; beirarrúas entre A Areosa e A Botica en Vilaño; no interior dos Centros Socioculturais da Xesta (Soutullo) e A Fraga (Soandres); no CEIP Otero Pedrayo e tamén no alumeado en diferentes localizacións rurais.
E tamén se consignarían os fondos, máis de 70.000 euros, para a expropiación dos terreos afectados polo Plan especial de urbanización do entorno da igrexa de Lestón.
Con esta proposta, o goberno local pretende destinar parte do remanente líquido de tesourería para gastos xerais ao financiamento de actuacións consideradas prioritarias, reforzando a partida orzamentaria dos investimentos reais en infraestruturas e contribuíndo á mellora dos equipamentos e dos servizos públicos para beneficio xeral da veciñanza.