O historiador Xan Fraga e o antropólogo Manuel Vilar fixeron un percorrido polas feiras, que conectan coa orixe comercial de Carballo

3 minutes read

As feiras centraron a sesión semanal de MercaEscola, que ateigou a sala Cervantes con medio cento de persoas. A concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, que abriu a xornada, indicou que, co obxecto de contextualizar a visita ao arquivo municipal prevista no programa, o seu departamento decidiu darlle un valor engadido coas intervencións do historiador e escritor Xan Fraga Rodríguez e do tamén historiador, antropólogo e experto en xestión de bens culturais e patrimonio, Manuel Vilar Álvarez.

Xan Fraga ofreceu unha sesión maxistral sobre a evolución económica da capital de Bergantiños, analizando os fitos que transformaron a vila nun referente comercial. O historiador explicou como a parroquia de Carballo, que a finais do século XVI era apenas un pequeno núcleo de “corenta persoas”, pasou a ter máis de vinte mil habitantes e a ser unha das parroquias máis grandes de Galicia, grazas ás augas termais, á feira e á encrucillada que representa Carballo.

A clave desta transformación estivo na súa estratexia comercial e na consolidación de infraestruturas clave como o mercado municipal. De feito, destacou que o mercado non só servía para o intercambio de víveres e gando, senón que foi o catalizador do urbanismo local. Arredor do mercado e da praza naceron as primeiras casas de comercio, tendas de ultramarinos e establecementos de prestixio que deron forma ao centro que hoxe coñecemos.

Un punto de especial interese na charla foi o relato do histórico conflito coa feira de Berdillo. Xan Fraga documentou como, tras décadas de rivalidade e moito “pleito”, a feira de Berdillo foi finalmente suprimida e trasladada a Carballo en 1941. Este movemento, aínda que polémico na época, consolidou definitivamente a vila como a gran capital comercial da comarca de Bergantiños.

“Carballo non se entende sen as súas feiras; foron elas as que transformaron un lugar de paso nunha vila de referencia”, subliñou o historiador durante a súa intervención. A feira é, en definitiva, un elemento fundamental para comprender a identidade actual dunha vila que soubo medrar arredor do seu potencial comercial e termal.

A feira no mundo labrego

Pola súa banda, o antropólogo Manuel Vilar puxo en valor o papel das feiras tradicionais como unha peza clave do mundo rural galego, tanto desde o punto de vista económico como social. Na súa presentación, A feira no mundo labrego, subliñou que estes encontros periódicos, centrados inicialmente na venda de gando, permitían ás familias obter ingresos e acceder a produtos necesarios, ao tempo que funcionaban como espazos de relación: “ver e deixarse ver”.

Aínda que hoxe moitas feiras están a mudar cara a formatos máis próximos aos mercadiños, o autor lembrou que seguen sendo un elemento fundamental da memoria e identidade do rural galego.

Exposición no arquivo municipal

Despois das interesantes charlas, que tiveron lugar no mercado municipal, as persoas participantes en MercaEscola desprazáronse ata o arquivo municipal para inaugurar a exposición fotográfica e documental As feiras en Carballo de Bergantiños, comisariada polo propio Xan Fraga.

A mostra poderá visitarse de luns a venres, de 12.00 a 13.00 horas. Ademais, o público poderá descubrir as xoias que agocha o noso arquivo, que, como ben dixo a concelleira Ángeles Pacoret, “é o gardián da nosa historia, da nosa memoria colectiva”.