O IES de Ponteceso afronta un novo reto educativo coa incorporación, a partir do próximo curso, do programa STEMbach, o bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía promovido pola Consellería de Educación.
Esta nova modalidade supón un importante paso adiante na oferta formativa do centro e permitirá ao alumnado desenvolver unha experiencia académica de alto nivel, baseada na investigación e no contacto directo co ámbito universitario.
O alumnado matriculado en STEMbach realizará ao longo dos dous cursos de Bacharelato un proxecto de investigación titorizado en colaboración coas tres universidades galegas —Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo— e coa UNED de Lugo. Ademais, participará en actividades formativas específicas relacionadas coa investigación científica e tecnolóxica.
Entre os temas que centrarán estes proxectos atópanse algúns dos grandes desafíos da ciencia actual, como a procura de novos tratamentos contra o cancro, os retos tecnolóxicos do futuro ou o estudo dos raios cósmicos, entre outros ámbitos de gran interese científico.
A incorporación do STEMbach reforza a aposta do IES de Ponteceso pola innovación educativa, a excelencia académica e o fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas entre a mocidade.
Este novo desafío será asumido con ilusión e compromiso por parte do alumnado e do profesorado do centro, convencidos de que esta iniciativa abrirá novas oportunidades de aprendizaxe, investigación e colaboración co sistema universitario galego.